El Correo Gallego

Noticia 12 de 358 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A provincia de Ourense, líder termal

A celebración na cabeceira provincial do cumio europeo termal, a elección de Manuel Baltar como vicepresidente da asociación de territorios termais de Europa e novas liñas de cooperación abertas entre Ourense e a UE para potenciar a singularidade turística do sector, foron temas destacados en 2018

Tanto a cidade de Ourense como toda a provincia dispoñen de espazos termais de calidade onde os visitantes, que son cada vez máis, poden descansar e desconectar da rutina.
Tanto a cidade de Ourense como toda a provincia dispoñen de espazos termais de calidade onde os visitantes, que son cada vez máis, poden descansar e desconectar da rutina.

31.12.2018 
A- A+

A provincia de Ourense foi a gran protagonista internacional do termalismo en 2018. Iniciativas de promoción do territorio, alianzas de cooperación europeas, novas responsabilidades directivas e de xestión internacionais e un plan que marca a folla de ruta da que será a innovación aplicada ao termalismo son os elementos que marcaron a axenda termal da provincia no ano que remata.

Un calendario no que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, tivo un papel fundamental para a posta en marcha de iniciativas de vangarda deste ámbito que conxuga turismo, lecer, deporte e saúde, defendendo "a necesidade de combinar termalismo co desenvolvemento territorial, cultural, deportivo e turístico, poñendo na axenda europea a realidade termal e todo o que iso significa para o desenvolvemento do territorio", afirma.

Acontecementos como a celebración na capital ourensá do cumio europeo termal, a elección de Manuel Baltar como vicepresidente da asociación de territorios termais de Europa e novas liñas de cooperación abertas entre Ourense e a Unión Europea para potenciar a singularidade turística do termalismo, foron algúns dos temas destacados na axenda termal deste ano. Asemade, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia seguen a desenvolver o plan "Ourense, a provincia termal", unha iniciativa para pór en valor as infraestruturas e os proxectos innovadores neste ámbito.

A importancia que ten acadado a provincia no eido termal tivo este ano o seu máximo expoñente institucional co cumio europeo de termalismo, celebrado en Ourense en outubro pasado. Na asemblea xeral da Asociación Europea de cidades históricas termais (EHTTA), entidade que engloba a 40 representantes de 13 países e da cal é vicepresidente Manuel Baltar, o máximo responsable da Deputación dixo que Ourense, co seu potencial en termalismo, "é un territorio que fortalece a maior rede europea da cultura termal nos ámbitos científico, turístico e de saúde, remarcando "a responsabilidade dos gobernos locais intermedios na valorización dos recursos do territorio, como único nivel administrativo con capacidade e visión para reforzar o vínculo entre áreas urbanas e rurais".

Un cumio que puxo en valor a importancia da Ribeira Sacra, territorio que estes días vén de ser declarado pola Xunta como Ben de Interese Cultural, un gran paso cara á consecución da declaración de Patrimonio Mundial pola Unesco, iniciativa que reactivou Baltar en 2013 e que vai camiño "de acadar o maior recoñecemento internacional que un territorio pode ter no que atinxe á defensa da súa historia, natureza e identidade", afirma o presidente.

Bruxelas estivo tamén na axenda do termalismo ourensán. Alí Manuel Baltar presentou, en representación dos territorios da EHTTA, o "Atlas Termal de Europa", un proxecto que supón a maior base de datos sobre recursos termais en Europa para o estudo e divulgación do patrimonio termal europeo. A finalidade é compilar e xestionar a información sobre recursos e valores dos territorios termais europeos desde o punto de vista natural, cultural e intanxible.

A nova etapa que se inicia, con Manuel Baltar como vicepresidente da asociación termal europea supón un fortalecemento das relacións internacionais situando ao termalismo como un dos eixes estratéxicos da política de valorización do territorio. Así, en outubro, entrevistouse en Budapest co comisario europeo de Cultura, Tibor Navracsics, encontro no que destacou o binomio termalismo-cultura como "o nexo histórico que une aos pobos de Europa tendo á auga termal como base de saúde, convivencia e impulso do patrimonio cultural".

Precisamente, neste cumio termal de Budapest celebrouse o Día do Patrimonio Europeo, que proclamou o 12 de outubro como "Día europeo do patrimonio termal" o que será un impulso para afianzar ao noso termalismo na canle internacional do turismo de natureza", dixo Manuel Baltar.

E recentemente, no mes de novembro, Manuel Baltar reuniuse na cidade balnearia de Bath (Reino Unido) co seu homólogo Tim Warren, presidente do Bath and North East Somerset Council, con que analizou iniciativas de promoción e proxectos conxuntos "para seguir impulsando un turismo singular e de calidade no ámbito termal, que beneficie e achegue competitividade aos territorios termais que integramos a rede termal europea, un dos maiores motores que impulsan o termalismo no mundo", dixo.

Tim Warren, pola súa banda, interesouse polo desenvolvemento do plan "Ourense, a provincia termal", destacando a importancia de que exista unha folla de ruta que aborde e actualice a realidade e as necesidades termais dun territorio.