El Correo Gallego

Noticia 30 de 317 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Todos os grupos da Cámara, co Centro Galego de Bos Aires

As catro formacións con representación no Parlamento de Galicia súmanse ao manifesto promovido na defensa do centenario edificio

Fachada principal do Centro Galego de Bos Aires, nunha imaxe de arquivo
 - FOTO: Gallego
Fachada principal do Centro Galego de Bos Aires, nunha imaxe de arquivo - FOTO: Gallego

KORO MARTÍNEZ SANTIAGO   | 21.03.2018 
A- A+

Santiago. O Grupo Popular na Deputación Provincial de Ourense ten previsto presentar, no seu pleno deste próximo venres, unha moción de apoio ao Manifesto pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires, co obxectivo de que sexa debatido no mesmo e todos os grupos poidan sumarse a esta iniciativa.

Unha proposta que xa fora anunciada polo seu presidente, Manuel Baltar, o pasado 9 de marzo, durante a entrega da Medalla de Ouro da provincia a título póstumo a Carlos Casares.

Naquela intervención, Manuel Baltar fixo referencia ao manifesto publicado íntegramente en EL CORREO GALLEGO dous días antes, e apostou pola adhesión da deputación ao mesmo "para continuar fortalecendo o compromiso desta institución coa nosa identidade e coa nosa condición de pobo emigrante".

Na moción do venres, que será presentada polo voceiro do Grupo Popular na Deputación ourensá, Plácido Álvarez Dobaño falará da preocupante situación pola que atravesa actualmente o Centro Galego de Bos Aires, "lastrado por unha gran débeda económica e intervido polo Goberno arxentino", correndo neste momento un grave risco de desaparición ante a súa posible venda, o que desde o seu punto de vista "supoñería a perda dun símbolo identitario da Galicia universal".

Tras lembrar que o centro foi creado no ano 1907 para prestar atención, "tanto no ámbito social como laboral e sanitario" aos miles de emigrantes que chegaban alí desde toda Galicia, e que na década dos corenta do século pasado sumou tamén o labor de difusión da cultura e a historia da nosa comunidade, subliñará que as instalacións do edificio acollen o maior patrimonio cultural, artístico e histórico da emigración galega.

Unha emigración ante a que "a Deputación Provincial de Ourense, consciente da importancia que na nosa historia ten -e que deixará plasmada para as actuais e futuras xeracións nun museo- quere sumarse a esta iniciativa que xa reuniu preto de cinco mil firmas de apoio para pedir ás autoridades galegas e españolas que se impliquen na salvación do patrimonio inmobiliario, artístico e cultural deste centro", explicará na súa exposición de motivos.

Todos os grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia -PPdeG, PSOE-PSdeG, En Marea e BNG- súmanse ao Manifesto pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires, dentro da campaña na defensa desta emblemática institución promovida por destacadas personalidades e entidades do país, e liderada polo galeguista Francisco López Chesqui.

Unha adhesión que, segundo destacaban onte nun comunicado os impulsores desta iniciativa, supón acadar un dos seus obxectivos máis importantes: "lograr a unanimidade dos nosos representantes políticos no Parlamento galego".

Un compromiso que, sumado ao apoio xa mostrado polas centrais sindicais, diferentes entidades de Galicia e da colectividade galega de Bos Aires, así como da diáspora noutros países e de destacadas personalidades de todos os ámbitos asinando o manifesto na plataforma Change.org, consideran "debe quedar expresado nunha PNL (Proposición Non de Lei) aprobada polo Parlamento que promova á Xunta a intermediar entre os gobernos de España e da Arxentina" para que ambos poñan en marcha as fórmulas de cooperación económica e diplomática que consideren oportunas, co obxectivo de "darlle a resposta satisfactoria ás lexítimas demandas expresadas polas Agrupacións do Centro Galego de Bos Aires, do conxunto da sociedade galega e de toda a nosa emigración", e que pasan por "salvagardar os dereitos e asistencia sanitaria aos mutualistas, asegurar os dereitos laborais dos profesionais empregados, e manter a propiedade do edificio e do conxunto do patrimonio cultural material e inmaterial da institución símbolo da galeguidade no mundo".

No comunicado, os impulsores da campaña en defensa do Centro Galego de Bos Aires -xurdida tras a visita ao mesmo do secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López Chesqui, en decembro pasado-, califican a situación actual do edificio e dos seus asociados de "terminal", xa que a prestación sanitaria "é prácticamente inexistente", a vida institucional "é prácticamente nula", e a débeda "segue aumentando co paso de cada interventor nomeado polo Estado arxentino (principal acreedor), e as agrupacións non teñen ningunha participación directa" nas negociacións levadas a cabo.

Convencidos de que haberá solución "se existe vontade política e interese en conservar este símbolo de Galicia no mundo, erguido con esforzo e patriotismo polos nosos devanceiros", subliñan que vender o Centro Galego de Bos Aires suporía "vender un anaco de Galicia".

E para evitalo reclaman que a negociación, a partir do manifesto unánimente respaldado e da PNL do Parlamento de Galicia, xunto á colaboración da Xunta, do Goberno español e o arxentino, se faga "nun proceso aberto, transparente, público -de carácter nacional e internacional que preserve os inmobles-", coa participación de todos os asociados a través das agrupacións estatutarias.