El Correo Gallego

Noticia 17 de 343 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Un estudo analiza 40.000 datos de empresas e sectores de actividade do polígono de San Cibrao para definir estratexias de crecemento

O traballo, desenvolvido pola Deputación de Ourense, a Asociación de empresarios e a Universidade de Vigo, ten como obxectivo "reflexionar sobre os retos que teñen que afrontar as organizacións empresariais", dixo Manuel Baltar no acto de presentación de "O polígono en cifras".

D.O.  | 06.09.2018 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na presentación do estudo "O polígono en cifras", iniciativa conxunta da Deputación de Ourense, a Asociación de Empresarios de San Cibrao e a Universidade de Vigo, que ten como obxectivo coñecer a situación actual das empresas do polígono, reflexionar sobre os retos que teñen que afrontar as organizacións empresariais e definir estratexias de crecemento dun instrumento que debe xogar o papel de liderado que lle corresponde na tarefa de fortalecer o tecido industrial ourensán e galego. No estudo analízase 40.000 datos de 338 empresas do polígono e 185 actividades económicas.

O acto, celebrado esta mañá na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, contou tamén coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o presidente da Asociación, Elías Mera; e os vicerreitores de Economía, Investigación e Transferencia do Campus de Ourense, José María Martín, Belén Rubio, Consuelo Pérez e Esther de Blas.

Manuel Baltar expresou que esta alianza de cooperación institucional, académica e empresarial "tomou como referente o Observatorio Económico Ourensán, que desenvolve a Deputación de Ourense, e trátase de analizar, a través dos números, tendencias, comportamentos económicos e as perspectivas de futuro das empresas do polígono, que constitúen o 20 % da produción da provincia de Ourense e que abranguen o 11 % do emprego no territorio provincial, zona industrial de referencia en Galicia".

Baltar salientou a cooperación que a Deputación de Ourense vén mantendo coa Asociación de empresarios do polígono e co campus de Ourense, tanto no que atinxe á prestación de servizos como no desenvolvemento de iniciativas académicas, culturais, formativas e de investigación en diversos ámbitos de actividade, entre os que destacou as cuestións demográficas, que o Observatorio tamén contempla". Asemade, o presidente do goberno provincial remarcou a importancia "de seguir poñendo en valor o rural, ao que hai que ver como unha fortaleza, xa que nel hai talento e dinamismo, e entre a universidade e o goberno provincial temos que continuar a traballar neste ámbito, pois o campus de Ourense é a cidade e tamén a provincia".

O estudo, cuxos resultados se coñeceran en outubro, permitirá analizar as prestacións, necesidades e tendencias das empresas do polígono de San Cibrao das Viñas. Está realizado por un equipo universitario dirixido polo profesor Andrés Mazaira, e trátase dun "espazo compartido" para coñecer a situación actual das empresas do polígono, desde unha perspectiva dinámica e agregada, a partir da análise de datos reais e "ad hoc", o que permitirá reflexionar sobre os retos que teñen que afrontar ás organización empresariais, especialmente as de ámbito industrial, derivados dos procesos continuos de transformación económica e social, para poder definir estratexias de crecemento.