Arte interpretativa da mitoloxía do Camiño a Fisterra e Muxía






A arte escrita e pictórica uníronse no proxecto A senda proscrita, que asinan o escritor Alberto Cacharrón e o pintor Alexandro e que este venres recalou en Muxía. A obra, que combina arte, literatura, historia, lendas, maxia e misterio, describe un escuro capítulo da tradición xacobea que sempre foi considerado tabú pola Igrexa, e reivindica a estirpe galaica cun crisol de culturas como a romana, a celta, a sueva ou a árabe.
Tenta reinterpretar as mitoloxías e recrear libremente o Camiño a Fisterra e Muxía, iniciando o relato no século V a. C. cos poboadores da Idade do Ferro, os seus clans e os seus deuses, pasando polo suposto descubrimento da tumba do Apóstolo, no ano 813, ata rematar co comezo da peregrinaxe e as diferentes nomenclaturas dos camiños xacobeos.
O historiador e crítico de arte muxián, Xosé Antón Castro, que acompañou ao escritor e ao pintor no acto celebrado na vila da Barca, asegura que “o libro é un sintético e traballado texto de Alberto Cacharrón, nos canles do Real Marabilloso, que rastrexa este camiño medieval non rexistrado no Calixtinus”.
A obra escrita compleméntase cunha colección de 43 acuarelas creadas polo pintor Alexandro e inspiradas no texto que escribiu Cacharrón para inmortalizar as historias, lendas e tradicións da Costa da Morte e o impacto do Camiño que une Compostela co fin do mundo.
O pintor, afincado en Muxía dende hai máis de dúas décadas, amosa nas súas obras unha época na que distintas culturas transitaban por este itinerario antes de que o cristianismo se apropiara dos seus arcanos, establecendo a ruta xacobea que conduce ata Fisterra e Muxía. Nas acuarelas o pintor dota de vida propia as forzas da natureza coas que os antigos peregrinos tiñan que loitar e as que veneraban. Lonxe de caer nunha visión idealizada ofrece unha mirada salvaxe e insondable do Camiño, nos promontorio da costa occidental. O mar xurde nas súas obras como unha forza formidable, que violenta e invade o territorio onde se instalou e desde onde irradia a súa produción artística.
O libro e a mostra foron presentados nun acto no que participaron o alcalde de Muxía, Iago Toboa; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o editor José Luís Teófilo, xunto co xornalista muxián Xusto López Carril, que presentou o encontro. A iniciativa desta cita cultural correu a cargo da Asociación de Amigos de Gervasio Sar, en colaboración coa Xunta, o Concello de Muxía, Teófilo Edicións e a empresa Alberte Ribeiro.
A mostra estará aberta ao público ata o día 10 de febrero, de 11.00 a 14.00 horas nesta fin de semana, e de 16.00 a 19.00 horas de lunes a venres.
CORES. Pola súa banda, a Sala de Exposicións Antón Mouzo, da casa da cultura de Vimianzo, acolleu este venres o acto inaugural da mostra pictórica Encontro a tres, que xunta a creatividade de tres artistas bergantiñáns: Isabel Soutullo, de Coristanco; Josechu González, de Carballo e Maribel Castiñeira, da Laracha.
Unha exposición formada por unha trintena de obras de diferentes estilos e modalidades, nas que destacan a cor, as formas xeométricas e diversas composicións pictóricas. Poderán verse ata o día 28.
No acto inaugural acompañaron aos tres artistas a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, quenes animaron á veciñaza e visitantes a desfrutar “dunha mostra realizada por artistas da Costa da Morte que logran expresar os seus sentimentos e a súa forma de vida a través da súa arte”.