Concellos

Cinco becas-premio para os mellores expedientes do IES Fernando Blanco

O regulamento deste centro de Cee recollía xa en 1886 agasallos para os seus alumnos

  • 04 feb 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Cee. A Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee e o instituto ao que dá nome veñen de convocar a duodécima edición das Becas-Premio Fernando Blanco correspondentes ao curso 2022-2023.

Esta iniciativa, xurdida en 2011, naceu cun dobre obxectivo: por un lado, recoñecer e premiar o esforzo, aplicación e resultado do alumnado do centenario instituto e, por outro, recuperar unha tradición histórica da entidade, posto que xa no regulamento de 1886 se recollía a necesidade de agasallar aos mellores expedientes de cada curso.

Ao longo das edicións anteriores foron agasallados 55 alumnos e alumnas do centro educativo da vila da Xunqueira. Ao igual que en edicións pasadas, ditas becas teñen por finalidade premiar a 5 dos mellores expedientes académicos do IES Fernando Blanco, dos cursos primeiro de FP Básica, terceiro da ESO, primeiro de Bacharelato, primeiro de Ciclo Medio e primeiro de Ciclo Superior.

Cada un dos premios está valorado en 500 €, dos cales 220 entregaranse en metálico e 280 en vales de compra a consumir nos establecementos colaboradores.

O alumnado que opte a estas becas deberá ter todas as materias aprobadas no mes de xuño, cunha nota media mínima de 8,5. As bases completas que rexerán a concesión atópanse na páxina web do museo http://museofernandoblanco.org/becas-premio-2020-2021.

A cerimonia de entrega celebrarase nun día aínda por determinar do vindeiro mes de outubro no salón de actos do IES Fernando Blanco.

Para levar adiante esta iniciativa, a Fundación e o IES Fernando Blanco contarán coa colaboración de varios establecementos que, ano a ano, son fieis á súa cita con estes galardóns, e aos que amosan “a nosa máis sincera gratitude”, conclúen. redacción

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.