25 Xullo 2021
ULLO

A Coruña, faro de Galicia

Inés Rey García / Alcaldesa de A Coruña

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Hoxe fai cen anos, o 25 de xullo de 1921, a bandeira galega ondeou nun edificio institucional por primeira vez na historia. O Concello da Coruña, representado naquel momento polo alcalde Antonio Lens Vieira, foi o único concello de Galicia que recolleu a proposta da Asemblea Nacionalista Galega, da que formaban parte figuras como Vicente Risco ou Otero Pedrayo, e aprobou esta pioneira iniciativa. Este primeiro izado da bandeira de Galicia é un capítulo histórico do que podemos presumir os coruñeses e coruñesas e un bo exemplo do que a nosa cidade achegou sempre a Galicia.

E é que o comezo do uso da bandeira como elemento identificador da nosa cultura foi un acontecemento que marcou un punto de luz e esperanza para gran parte da comunidade galega e que sinalou para sempre a relación da cidade con este símbolo da nosa cultura.

Xunto coa nosa bandeira o outro grande elemento que nos define como país é a nosa lingua. E por iso, este mesmo ano desde o Concello da Coruña saldamos unha débeda histórica ao aprobar a Ordenanza para o uso da lingua galega, un paso que outras cidades galegas deran xa nos anos 80 e que na Coruña aínda tiñamos pendente de acometer.

Por iso, articulamos un texto normativo que consideramos necesario para poñer en valor a nosa lingua no ámbito administrativo e municipal porque, aínda a día de hoxe, case 40 anos despois da aprobación da Lei de normalización lingüística, segue a ser necesario desenvolver accións e programas que favorezan o uso e o emprego do galego.

Desde a miña chegada ao Goberno local, en xuño de 2019, desenvolvemos numerosas actividades e programas destinados a achegar o galego á sociedade coruñesa a través de diferentes accións que aproximan unha visión moderna, útil e amigable da lingua galega, que derruban prexuízos e incrementan a súa demanda e estima.

Un compromiso coa lingua que vai máis aló dun día e que amosa o carácter galeguista e integrador da nosa cidade. Unha cidade, A Coruña, que en días como hoxe se reafirma na súa razón de ser: unha urbe de vangarda para a todos e para todas que non quere deixar ninguén atrás.

Este 25 de xullo celebramos de novo o Día de Galicia e na Coruña facémolo desde a firme convicción do papel fundamental que as urbes galegas, en particular, e o municipalismo, en xeral, xogamos no futuro do noso país. Os concellos somos quen de ofrecer a primeira das respostas que poden precisar os cidadáns e cidadás en numerosos ámbitos como o asistencial ou o social e esta ligazón é un valor que nos enriquece e nos diferencia.

Dentro das cidades galegas, ademais, quero reivindicar o papel da Coruña como faro e guía de Galicia. A Coruña é unha urbe moderna cun gran legado histórico, referente en moitos eidos, e o coruñesismo actual, ademais de ser fondamente galeguista, é transversal, aberto e integrador.

Sen lugar a dúbidas, os retos aos que se enfronta a Galicia do futuro pasan polo relevante papel que poden xogar cidades como A Coruña na recuperación económica e social que se precisa tras a crise sanitaria que estamos a vivir.

A cidade da Coruña ten a capacidade de situarse como un axente fundamental na construción dunha Galicia moderna e competitiva que aposte polo desenvolvemento económico, a innovación e a sostibilidade mantendo sempre o compromiso social e a defensa da igualdade, o progreso e a cultura.

Todos estes atributos son motores dunha sociedade, a coruñesa, aberta e tolerante. Unha cidade que mira cara a adiante con amplitude de miras e sabedora do relevante papel que xoga e deberá seguir xogando na Galicia do futuro.

Tema marcado como favorito