25 Xullo 2021
25X

A intelixencia artificial é unha oportunidade e un desafío

Amparo Alonso Betanzos / Presidenta de AEPIA (Asoc. Española para la Inteligencia Artificial) / Catedrática de C. Computación e Inteligencia Artificial da UdC

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Camiño de Santiago ten sido un vehículo de cambio e de evolución dende que os primeiros peregrinos chegaron a Compostela dende as súas cidades e vilas de orixe, creando un rico e diverso legado cultural en Galicia, e construíndo unha das canles de transmisión da cultura e a arte en toda Europa e fóra dela.

Nestes últimos anos, a Intelixencia Artificial (IA) vai camiño de unirse á lista de avances que provocaron un cambio revolucionario na historia da Humanidade, como a navegación, a máquina de vapor ou a electricidade. Como ó Camiño, a IA é tamén unha oportunidade e un desafío. O seu éxito é evidente, durante a última década lográronse moitos dos obxectivos que se estableceron nos seus inicios, pero tamén temos aínda abertas liñas de traballo como coidar os aspectos relacionados cos prexuízos e a parcialidade debidos aos conxuntos de datos empregados, a escalabilidade dos algoritmos, a súa explicabilidade, a sostenibilidade enerxética do seu uso, ou a incorporación plena de conceptos como o tempo, o espazo ou a causalidade ao seu razoamento.

Existen xa moitos dominios nos que a IA supera á intelixencia humana, como é o caso de áreas específicas da medicina, os sistemas de recomendación, os robots, os vehículos autónomos, os asistentes persoais ou os tradutores automáticos, todos eles éxitos da IA que están a cambiar rápidamente o noso xeito de interaccionar co contorno, comportando importantes cambios económicos e sociais. Os vehículos autónomos serán unha realidade a curto prazo para o transporte de mercadorías, pero quizais tamén o sexan a medio prazo para os nosos desprazamentos, mellorando a forma de xestionar o tráfico nas nosas colapsadas cidades, ademais da nosa vida persoal e laboral.

Continuamente xorden áreas novas de aplicación da IA, en parte grazas a ela vivimos un desenvolvemento máis rápido das vacinas na pandemia, estase a abrir a posibilidade de desenvolver novos fármacos, poderemos acceder a tratamentos médicos máis personalizados, ou a educación máis individualizada ao longo da nosa vida. A inclusión de médicos ou educadores virtuais poden facer que servizos de calidade tan necesarios cheguen, a baixo custo, a lugares onde non penetraran anteriormente, e poderíamos recuperar a nosa sociedade do benestar dun modo económicamente viable.

Pero tamén temos aspectos que requiren reflexión, como é o caso da propiedade, protección e privacidade dos nosos datos persoais , ou a difusión de noticias falsas, relacionadas con situacións políticas sensibles. As tecnoloxías de recoñecemento facial suscitan controversia nos EE. UU. e Europa, pero son adoptadas sen problemas por China, que quere ser a primeira potencia en IA do mundo no 2030. Ao igual que ocorre no mundo físico, temos varios xeitos de chegar ao mesmo destino, como queremos trazar ese camiño de retos e oportunidades que nos abre a IA? Isto é un aspecto fundamental, xa que afectará profundamente ao benestar e a riqueza económica dos países, con enorme influencia no emprego.

Os europeos eliximos unha IA ao servizo das persoas, robusta, explicable, transparente e ética, que non cree nin acentúe diferenzas entre xéneros, razas, relixións ou grupos sociais de diferentes tipos, senón que nos sirva de guía no camiño e nos axude a centrarnos nos moitos desafíos aos que se enfronta a humanidade: o cambio climático, a saúde, a educación, as pandemias, a mellora da vida nas cidades, a xestión de recursos, en definitiva, un futuro no que o ser humano teña benestar económico e social. Para logralo, a UE desenvolveu unha estratexia específica para promover cambios tecnolóxicos e prepararse para os próximos cambios socioeconómicos. España presentou no 2020 unha estratexia nacional propia.

E neste 25 de xullo, tamén debemos felicitarnos porque Galicia incorporouse recentemente ás rexións intelixentes de Europa, lanzando a nosa propia estratexia de IA. Está claro que a inclusión destas tecnoloxías e a crecente dixitalización crean tamén un oco xeracional e territorial, máis latente naquelas áreas cuxas linguas son minoritarias, a súa densidade de poboación é baixa e a poboación é de máis idade. Os riscos deste problema son económicos, pero tamén culturais e sociais, riscos de desconexión dixital de parte da poboación, pero tamén da propiedade da nosa lingua é cultura. As tecnoloxías como a IA teñen o potencial de revolucionar o noso modo de vida e de crear novas e estimulantes oportunidades para as industrias, aumentando as posibilidades de emprego e impulsando a nosa competitividade.

Así como o Camiño impulsou novos oficios como plateiros, azabacheros, cambistas, canteiros, etc. tamén a IA creará e cambiará os empregos que coñecemos. Necesitamos incrementar a investigación, mudar a docencia, aprender dende nenos habilidades tecnolóxicas, crear un ecosistema forte onde as empresas se beneficien da transferencia xerada por os nosos investigadores. Como galegos, esperamos que esta estratexia nos permita camiñar con paso firme, xerando oportunidades para as persoas e para as empresas, incorporando o potencial das tecnoloxías para ser donos da nosa transformación económica. Feliz Día de Galicia.

Tema marcado como favorito