25 Xullo 2021
ULLO

Os nosos lumes

Milagros Fernández Pérez / Catedrática de Lingüística General . USC

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Else filme cheo de simboloxías ao redor do lume, que é O que arde (2019), do noso Oliver Laxe, contén fondura de esencias do rural. Terra que foi, e terra en mans de incendios que queiman. Lumes de brasas e incendios ardentes dos outros.

Atribuír as queimas aos efectos do cambio climático parece razoable, mais non semella ser este factor causa única da súa orixe. Doutro xeito estarían ardendo as árbores de todo o planeta, ou alomenos tódalas fragas nas zoas máis quentes. Ter as leiras como poulas, os agros como bouzas sen rozar, e sen facenda pacendo nos montes, pode contribuír a que o fogo prenda. Pero primeiro hai que plantarlles lume. Os percorridos polas serras, transitadas agora por moitos camiñantes que se exercitan fisicamente, son así mesmo un posible foco de incendio. Aínda que convén dicir que os verdadeiramente afeccionados ao monte están comprometidos coa natureza e coidan as voltas. Así que a gran pregunta é: quen planta lume?; por que hai tantas queimas, a meirande parte provocadas?

Levo ao redor de trinta anos desfrutando parte do verán mediterráneo en Menorca. Illa ben repleta de piñeiros, aciñeiras, oliveiras (ullastrars), cimbros, con moito monte baixo sen rozar e cunha chea de camiñantes de variada procedencia facendo a pé o Camí de Cavalls e o Camí d’en Cane. En todo ese tempo, tan só pequeno incendio causado pola desidia dun veraneante bébedo fumador. Debo dicir que en Menorca a presenza de grupos ecoloxistas faise visible e resulta contundente en moitos aspectos para peneirar turismo e sostibilidade. Un compromiso compartido para mirar pola contorna. O mesmo que guía ao enxeñeiro-químico Joan Botey Serra, quen ten feito da finca familiar Fitor sita no l’Ampurdà de Girona (http://www.finca-fitor.com/) un lugar aberto para camiñantes, un sitio de referencia como ecosistema de riqueza cultural. E sempre segundo as liñas do European Forest Institute, na actualidade dirixido por Marc Palahí, que espallan a urxencia de comprender de xeito integral as distintas funcións dos bosques, tanto para aproveitalos en tódalas vetas, coma para loxicamente mantelos (https://twitter.com/marcpalahi/status/1409051069536157698).

Os cambios, aínda que inevitables porque o tempo non para, han deixar unha base inalterada na pegada, coma un miolo esencial. O biólogo chileno Humberto Maturana (1928-2021) que se foi hai pouco, non comulgaba coa imaxe de confrontación e borrado para explicar a permanencia dos máis fortes na dinámica evolutiva. Para Maturana, as mudas son sempre naturais porque están orientadas ao reaxuste conforme cambian os perfís das circunstancias. Tratándose de grupos humáns, a chamada “bioloxía biográfica” amosa as nosas variacións, a autopoiesis (do grego ‘auto’, «a si mesmo», e ‘poieisis’, «creación») de dármonos vida paseniño a nós mesmos.

Só hai que mirar e tomar consciencia para percatarse de que a vida é írmonos facendo. Segundo o profesor chileno, eses cambios vitalmente esperables e previstos demandan sempre un diálogo lúcido permanente entre o que cada un é e as transformacións que van chegando. A liñaxe, a identidade propia do grupo, segue así sen perderse en novos ambientes. Estamos envoltos en diversidade enactiva continua, e na que importa vérmonos reflectidos.

As condicións do contorno rural de cando nena non son as mesmas. Anos atrás os únicos incendios eran de palleiros, aos que lles acudiamos todo o pobo aínda que fose noite. Non se prendían outros lumes, e metía máis medo o receo de que estoupasen as augas caldas das Burgas que o fogo. Estaba ademais o garda forestal, pai da miña amiga Jacinta, que facía as veces de ogro antilume. Desde entón son moitos os tránsitos na nosa autopoiesis natural. Ao baleirado humán do rural súmanse novos xeitos de vivir que, quizais, para non seren enganosos, deberan pedirnos a mirada conscente sobre as mudas. Máis que nada trátase de non riscar a linaxe, as esencias propias da nosa identidade ligada aos montes.

Nese diálogo coa contorna e as transformacións habería que valorar se o importante é resolver os lumes plantados mediante o que xa se chama «negocio dos incendios», o se certamente máis pertinente é focalizarse no mantemento dos bosques e fragas e adiantarse coidando. Sen dúbida ha compensar formar parte da Rede Natura 2000 ou facer uso de medios como os que proporciona LandsCare (https://www.landscare.org/), antes que pór en práctica aquel lema que parece ser que é común en México «Xa me encargarei eu de facerlle ver que precisa un valedor».

Tema marcado como favorito