25 Xullo 2021
ULLO

Os valores de Hermelinda

Mª Elena López Lago / NaFoMat Laboratorio de Óptica. USC

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

“Hermelinda vivía no pobo no que lle tocou nacer, habitado por xentes de diferente natureza e condición que algunhas veces se entendían pero moitas outras non. A falta de entendemento creou un clima de tensión, desencadeando un conflito que, sen tempo á reflexión, estendeuse rapidamente aos pobos de arredor.

Complicouse a convivencia aflorando a incomprensión e, pouco a pouco, cada veciño foise adherindo ao bando co que mellor se identificou; as posicións diverxentes daquelas agrupacións sementaron caos e desorde na vida dos da rexión, na dos ricos e na dos pobres, xa foran cultos ou non. E chegou o desconcerto, e chegou a confusión, logo o medo, ira, odio, sufrimento e destrución. E a Hermelinda, como a todos, tocoulle sufrir tamén.

E así pasaron os días ata que o conflito cesou. En medio do alivio desta nova situación, vencedores e vencidos miráronse uns a outros e ollaron ao seu redor, vendo un pobo destruído, miseria, temor, feridas, incerteza, represión e moito rancor.

Pero había que seguir, con grandes retos por diante para reconstruír o país e recuperar aquelas vidas que desexaban vivir. Foron tempos complicados: desconfianza, desprezos e desexos de vinganza reabrían as feridas á mais mínima ocasión. Pouco a pouco, cada quen foi asumindo o seu rol e a rutina se instalou. Despois de moitos esforzos, loitando co corazón logrouse a inesperada reconciliación. Grazas a un primeiro saúdo, sorriso, axuda ou a un favor afloraron sentimentos esquecidos que franquearon o paso ao arrepentimento, empatía, solidariedade, respecto e perdón.

Hermelinda e outros máis loitaron día tras día unha batalla interior, superando pouco a pouco o terror dos pesadelos e a dor do corazón; as feridas que pecharon en forma de cicatrices lles recordan día a día os malos tempos pasados. E todos os que o viviron sobresáltanse e alarman ante certas actitudes que perturban esa calma. Todos saben que empatía, respecto e responsabilidade son valores que garanten vivir en paz e en liberdade ademais da tolerancia, integridade e solidariedade sen esquecer a equidade, lealdade e honestidade. Neles insiste Hermelinda aos seus fillos e aos seus netos para que ninguén cometa, de novo, os mesmos erros.”

Hermelinda representa a mulleres e homes que sobreviviron aos horrores de conflitos violentos moitas veces xerados por intolerancias, abusos, envexa, ambición desmedida, mentiras, violencia, soberbia, orgullo e outras actitudes e sentimentos que mal canalizados conducen irremediablemente á destrución. Pese a dor que sufriron foron quen de sobrepoñerse e encarar a nova vida que tiñan por diante, transmitindo aos seus achegados e descendentes os valores que eles cren que garanten unha convivencia pacífica e duradeira, co obxectivo de evitar que se repita a historia que tanto lles fixo sufrir, deixando a un lado o rancor e os desexos de vinganza.

Hoxe, nunha sociedade aparentemente en paz, algúns e algunhas, mais dos que imaxinamos, sofren o seu propio calvario, en secreto e en solitario, no interior das súas casas, nos centros educativos, na rúa ou no seu traballo. Mulleres maltratadas e asasinadas, fillos roubados, rapaces mallados ata morrer, homes e mulleres humillados, violacións grupais, acoso laboral ou acoso escolar... son exemplos de situacións que temos que erradicar para evitar tanto sufrimento individual que vai conducir a unha forte crise social. Ao marxe doutras accións políticas, sociais ou xudiciais, parte da solución reside en inculcar os valores de Hermelinda, nos que se debe insistir constantemente nas casas, na rúa, nos lugares de ocio, no traballo, nas escolas, sen baixar a garda, por moi asentados que creamos que estean. Temos que evitar que se prenda un lume que, na súa expansión, non so destrúa o avanzado senón que poida xerar un grave conflito social que conduza á represión e que, a causa desta, se desate unha rebelión. Lamentaría Hermelinda esta situación desexando que agora non se cause tanta dor.

Tema marcado como favorito