25 Xullo 2021

Un día para a esperanza e a reivindicación

Ana Prieto Nieto / Deputada do PSOE por Lugo no Congreso. Voceira de Sanidade

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este é un 25 de xullo especialísimo. Nesta ocasión, o Día de Galicia vén precedido dun ano moi duro por causa da pandemia da covid-19 e celebrámolo nun momento de esperanza grazas á vacinación contra ese inimigo que tantas vidas cobrou xa. Neste día tan importante para as galegas e os galegos, as vacinas convértense en protagonistas; permítennos intuír a saída da pandemia e albiscar o futuro con certa tranquilidade. Tamén nesta data tan sinalada, é preciso recordar ás mulleres científicas, algunhas das cales, pese ao intencionado silencio que as envolve, fixeron posible a existencia das vacinas contra este agresivo virus.

Un século antes, en 1919, en Santiago de Compostela reuníase a Asemblea das Irmandades da Fala. Con ilusionada esperanza acordaban celebrar no 25 de xullo do ano seguinte o Día da Patria Galega. Non podían imaxinar que cen anos despois o país, como o resto do mundo, sufriría unha das peores crises sanitarias. Da man da ciencia, con moito esforzo, unidade e amor á Terra, as galegas e os galegos estamos superando esta crise, como se superaron outras moitas.

Hoxe quero, senón levantando a miña voz, si poñendo negro sobre branco, denunciar, neste día tan especial, a aínda pesada lousa de silencio coa que se deixa fóra dos focos o talento científico feminino. É unha realidade. Segundo datos da UNESCO menos do 30% do persoal investigador no mundo ten nome de muller. Tivo que producirse a pandemia para poñer en evidencia o fundamental papel da muller na loita contra o virus que a provoca, o SARS- CoV-2. Mulleres científicas como a bioquímica húngara Katalin Karikó, cuxa investigación sobre vacinas baseadas no ARNmensaxeiro (ARNm) mostrouse fundamental para saír desta pandemia na que aínda hoxe nos atopamos inmersos.

Unha muller galega, Xela Arias, protagonista neste ano 2021 do Día das Letras Galegas, reivindicou o feminismo dende o inconformismo e a transgresión, e amosou a súa rebeldía contra a orde prefixada, que claramente se define nas palabras da poeta: “Denúnciome asasina de equilibrios, equilibrios desmenuzados - liñas directas da paisaxe do corazón- buscan brazos, cabezas, liberdade”. Sen esa rebeldía e o inconformismo da que moitas mulleres antes que nós fixeron bandeira, como Xela Arias ou Katalin Karikó, en pensamento e accións propias, non estariamos onde nos atopamos hoxe. Manteñámonos rebeldes:¡ Sempre! A pandemia provocada polo SARS- CoV-2 é un tsunami que causou e causa estragos en saúde pública, na economía, na mobilidade e nos costumes sociais en todo o mundo. Dela estannos a sacar as vacinas. Esta pandemia está a ser unha dura proba para todos, pero especialmente para a cidadanía mais vulnerable; as vacinas, en cuxa investigación tiveron un papel fundamental algunhas mulleres, son o remedio para saír do negro túnel da pandemia.

Para poder dispoñer das vacinas é precisa a xestión dos gobernos, e, nesta ocasión, comprobouse canta verdade hai no dito de que un goberno ponse a proba nos momentos difíciles. O Goberno de España, presidido por Pedro Sánchez, ten xestionado da mellor maneira esta emerxencia sanitaria, garantindo vacinas para todos. Os países da Unión Europa, a través da Estratexia Europea de Vacinas presentada pola Comisión Europea o 17 de xuño de 2020, aseguráronse o acceso, ao mesmo tempo, ás vacinas, distribuídas proporcionalmente a poboación da UE. O Goberno español lidera cas Comunidades Autónomas, a aplicación da Estratexia de Vacinación fronte a covid-19 en España, que ten como obxectivo reducir a morbilidade e a mortalidade provocada polo coronavirus. A elaboración desta Estratexia é un mandato do pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), órgano colexiado de sanidade no que participan os conselleiros de sanidade das comunidades e das cidades autónomas e a ministra de Sanidade, nun marco ético que é garante da igualdade e equidade no proceso.

Pese as infamantes afirmacións dalgúns políticos no Congreso, o proceso de vacinación avanza eficazmente, grazas ao traballo do Goberno, das Comunidades Autónomas, do persoal sanitario e, na nosa Terra, grazas ao compromiso e o esforzo das galegas e galegos.

Fagamos con prudencia o camiño ao longo deste Ano Santo Xacobeo ata derrotar completamente ao virus. Camiñemos cara ao futuro coa expectativa de celebrar no 2022 o Día de Galicia libres do virus inimigo. Fagámolo por nós, pero fagámolo tamén por Galicia, coa mesma firmeza, ilusión e rebeldía coa que os homes e mulleres das Irmandades da Fala souberon traballar pola Terra.

Tema marcado como favorito