25 Xullo 2021
ULLO

Un xacobeo atípico traeranos o fin dun duro camiño

Eloína Núñez Masid / Xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O25 de xullo, data emblemática para todas as galegas e galegos, adquire este ano un carácter dobremente extraordinario. Estamos ante o segundo Día de Galicia que celebramos no medio dunha pandemia mundial, o primeiro no que unha boa parte da poboación está xa vacinada, e ante un atípico Xacobeo que se estenderá, por primeira vez, durante dous anos: o 2021 e o 2022.

Botando a vista atrás aos últimos meses, mestúranseme sentimentos e sensacións: un enorme pesar polas traxedias derivadas da COVID-19 e, por outro lado, un grande orgullo por traballar xunto a profesionais da sanidade que amosaron a súa solidariedade, competencia, eficacia e eficiencia ante a pandemia dando unha asistencia de calidade aos pacientes con todo tipo de patoloxías. Sensacións de cansazo combinadas co ánimo irrebatible para continuar co desafío.

A pandemia tivo unha repercusión devastadora non só na saúde, tamén no emprego e na vida das persoas. A crise social e sanitaria mundial comportou cambios importantes en todos os ámbitos. Situou o fogar nun lugar onde ocorría todo: coidado e ensino dos nenos e coidado dos maiores, e esta responsabilidade, lonxe de ser colectiva, recaeu maioritariamente nas mulleres. E fora dos fogares, tamén as mulleres tiveron mais presenza como na sanidade (por exemplo, na área Sanitaria de Santiago e Barbanza o 80% do cadro de persoal somos mulleres), no traballo doméstico remunerado, nos centros educativos e nas residencias sociais. Por todo elo fomos máis susceptibles de contaxio (un 5% máis na nosa área sanitaria segundo o dato publicado o 30 de xuño na páxina do SERGAS).

Coa pandemia púxose de manifesto a importancia da muller no mundo laboral sanitario e a súa maior vulnerabilidade.

Pero debemos pensar con ilusión, pois das crises tamén adoitan saír novas oportunidades e unha delas pode ser a redución desta brecha de desigualdade en actividades non remuneradas.

Este Xacobeo 20-21 é unha ocasión excepcional para camiñar cara o optimismo, paliar os danos da crise derivada do coronavirus e confiar en que as rutas a Santiago se enchan de eventos culturais e lúdicos. Recibiremos con alegría, seguridade e sentidiño a todos os que nos visiten. As galegas e galegos levamos demostrando ao longo destes meses a nosa capacidade de adaptación e de loita. Non lle temos medo ao que vai vir, e confiamos en que o que veña sexa moito mellor!

Vou aproveitar esta oportunidade que cada ano me brinda El Correo Gallego, para trasladarlle o meu pesar aos familiares e amigos que sufriron a perda do seus seres queridos a causa do coronavirus. Gustaríame transmitirlles o meu cariño e ánimo. Tamén o meu agradecemento a todos os que estiveron e están traballando contra a pandemia. Os profesionais da área sanitaria de Santiago e Barbanza volveron estar á altura das circunstancias como xa o fixeran cando foi o accidente do Alvia, hai xa 8 anos e que acabou coa vida de 80 persoas e con 144 viaxeiros feridos . Sempre amosan a súa valía, o seu compromiso e a súa capacidade de traballo. Tamén os veciños e veciñas, usuarios dos nosos centros, tiveron daquela e hoxe, un comportamento exemplar que quero destacar e felicitar.

E o Día de Galicia nun ano Ano Xacobeo, data para reflexionar e sentirnos orgullosas de ser galegas.

Tema marcado como favorito