25 Xullo 2021

Volver a Santiago

Mercedes Rosón Ferreiro / Primeira tenente de alcalde. Concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Un novo 25 de Xullo atípico; un novo Día de Galicia, da Patria, de Santiago, baixo o signo dunha pandemia que tan duramente ten golpeado a Compostela e ao mundo.

A pandemia deixou á vista as feblezas do noso mundo, as diferencias entre as sociedades desenvolvidas e as que viven na eterna promesa e aspiración ao desenvolvemento; as miserias da política incapaz de volverse institucional para non incrementar as incertezas da xente; e a dor, a que sufrimos mentres víamos marchar familiares, amigos e veciños, especialmente aos nosos maiores, sen poder facer nada, sentíndonos, coma nunca, indefensos, temerosos e illados.

A pandemia cambiou o ritmo, os obxectivos do mundo e de Compostela; as luces longas volvéronse curtas para mirar ao que tiñas mais preto, aos que máis necesitaban; os plans de futuro convertéronse en programas de presente, de urxencia; tocaba arremangarse, e aí apareceu o máis forte de nós mesmos, a solidariedade, o valor dos sanitarios e dos servizos públicos de saúde, a coraxe da xente que nunca abandonou a trincheira; foron moitos e moitas, nos supermercados, nos barcos, no transporte, todos e todas os que non puideron quedar na casa.

Erramos cada vez que antepuxemos a economía á saúde, cada vez que nos dixemos a nós mesmos que a responsabilidade era doutros, cada vez que quixemos ser os primeiros e só incrementamos as nosas taxas de contaxio. O ser humano é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra, e nós estamos a repetir os erros do anterior verán. Non son as vacinas o que vai mal, é a responsabilidade colectiva a que non acaba de decatarse da importancia dos problemas.

Tal vez iso é algo que teñamos perdido neste camiño de crises sucesivas, de pandemias en forma de ondas que golpean e desgastan as nosas resistencias; perdemos a corresponsabilidade, aprendemos a culpar ao outro antes incluso de coñecer o fondo dos problemas; temos abandonado a corresponsabilidade institucional, a política, a social, e agora, parece que tamén, a humana.

Temos aprendido a buscar a oportunidade no fracaso do outro antes que no éxito colectivo, a poñer a competitividade e a meritocracia por riba da solidariedade e da igualdade; ese mantra neoliberal dos 80 que nos fala da insostibilidade do Estado do Benestar, da saúde pública, das pensións, do gasto social, de todo o que sostivo este país durante a pandemia.

E por iso se notaron tanto os buratos que lle fixemos ao Estado do Benestar; eses buratos que non tapan os aplausos nin as homenaxes. Eses buratos tápanse no DOG e no BOE, tápanse con orzamentos.

Levamos tanto tempo vencellados á idea de progreso que xa parecía que non precisabamos proteccións nin amparos; que iso eran necesidades doutros; doutros mundos, doutras persoas, de xente que algo faría mal para precisar da protección do Estado. Ese foi o conto que quixeron que creramos; que non necesitabamos o Estado Social, que iso desfrutábano os inmigrantes, os marxinais, os delincuentes, pero non eu e máis ti, que somos xente de orde e de ben.

Agora toca recomezar, volver, e aprender do camiño, dos aplausos, e crear unha sociedade da que todos e todas nos sintamos parte. Non cheguei ata aquí para volver ao pasado, cheguei para volver ao futuro, a ese futuro que deixei sen construír para afrontar a pandemia, e que xa non está, que ten que ser diferente, ten que ser mellor e mellorar a vida da xente.

Xa non basta con seguir, as nosas sociedades xa non poderán ser como eran; se buscamos no futuro que deixamos atrás so encontraremos o pasado; temos a obriga de ofrecerlle novas alternativas ás novas xeracións, cambios que transformen de verdade as súas vidas e lles ofrezan un novo futuro, para que non teñan que volver marchar, para non volver perder o talento e os abrazos.

Volver construír o futuro, agora si, con todos e con todas, volver a Santiago.

Tema marcado como favorito