Cultura lanza os vídeos ‘Unha palabra para ...’
audiovisual. A secretaría xeral de Política Lingüística lanzou onte, Día das Letras Galegas, un vídeo no marco do proxecto Unha palabra para..., na que o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou a faceta de “mestra” de Xela Arias, á que toda Galicia “ten moito que agradecer”. Rodríguez lembrou que Xela Arias “foi filla dun mestre” e logo pasou a ser ela mesma “mestra”, na tradución e na edición, pero tamén nos colexios, nos que foi profesora.
“As Letras Galegas deste ano 2021 e en xeral toda Galicia agradecemos a súa mestría”, destacou o conselleiro nun vídeo de apenas un minuto que pertence ao proxecto “Unha palabra para...”, realizado en colaboración con Arraianos Producións, co obxectivo de homenaxear a Xela Arias. O proxecto consiste en “pequenas pílulas audiovisuais”, no que académicos, amigos, familiares, expertos e personaxes da cultura galega definen a Xela Arias. EFE