Xela Arias
17 M DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Subidos a bordo do tren da historia

Por Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

  • 17 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

ODía das Letras Galegas foi, desde os seus albores, unha celebración da modernidade á que culturas e sociedades se aferran para non perderen o tren veloz da historia.

Conmemorar a Ricardo Carvalho Calero o pasado 2020 supuxo, entre outras moitas cousas, celebrar a modernidade dun poeta que, sendo aínda un adolescente, publicaba libros na Editorial Nós de Ánxel Casal, en cuxos talleres composteláns, na década de 1930, confluía unha mocidade dinámica e aberta ás linguaxes artísticas e literarias máis audaces e renovadoras da Europa do momento.

Este 2021, o Día das Letras Galegas –no que recuperamos as celebracións tradicionais das que nos privou a COVID-19 hai un ano– está dedicado a Xela Arias, quen, como figura literaria pública, se deu a coñecer, sendo aínda moi nova, a comezos da década de 1980, un momento no que a sociedade galega tiña a firme vontade de renacer á modernidade, coincidindo coa volta da democracia a España.

Naqueles anos Galicia aprobaba un agardado Estatuto de Autonomía que permitiu unha notable evolución ao longo de catro decenios. Sirva como exemplo o número de títulos anuais editados en galego: dos 201 de 1981 pasamos aos 1.144 da actualidade.

Hoxe, con acerto, Xela Arias está considerada a personalidade poética máis singular da Galicia das dúas últimas décadas do século XX e atribúeselle o excepcional mérito de ter escrito unha parte substancial da crónica poética dunha xeración de mozas e mozos que espertaron á conciencia social e á cultural galega coa forza e a valentía que esixían aqueles tempos de mudanzas ao galope.

Nada en terras de Sarria, de onde eran oriúndos os seus proxenitores, pero radicada no fabril Vigo desde os sete anos, Xela Arias acometerá a súa empresa poética en galego, unha lingua que renace, entre unha parte da mocidade da época, como código contestatario e transgresor que resulta útil nas contornas metropolitanas, por primeira vez desde había moito tempo atrás, para a expresión da proclama e do ensaio político, da novela de ambientación urbana, do teatro vangardista e, por suposto, da poesía. Porén, o carácter rupturista de Xela Arias non só se produciu na elección idiomática, senón que a transcende e alcanza o ámbito da lingua como materia de experimentación poética.

O Día das Letras Galegas é, polo tanto, unha celebración na que se festexa a condición de lingua viva e con futuro do galego. Un exemplo atopámolo no Proxecto Nós, recentemente presentado, unha iniciativa da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago que introduce a milenaria lingua galega no universo tan actual da intelixencia artificial, co propósito de que os galegos e as galegas poidamos empregar a lingua de noso en todo tipo de dispositivos electrónicos servíndonos de asistentes de voz, tradutores de alta calidade, sistemas de recoñecemento da fala, etc.

Avanzar na universalización da nosa lingua e, polo tanto, do que somos, é tamén a vocación deste proxecto, que fai seu o nome da Xeración Nós, ese excepcional grupo que soubo albiscar un camiño para o futuro da nosa lingua. Queremos permanecer a bordo do tren da historia.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.