Xela Arias
Héitor Picallo, escritor e ilustrador

Unha década poñendo cor aos autores que centran o 17 de Maio

  • 17 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Poderíamos decir que Héitor Picallo é un escritor e ilustrador galego pero quedaríamos curtos, xa que a súas inquedanzas lévano a realizar múltiples iniciativas, sempre a favor da cultura galega. Hoxe destacámolo neste suplemento, moi xustificadamente, xa que dende hai unha década colabora neste xornal realizando a caricatura do personaxe que homenaxeamos o Día das Letras Galegas.

Cando lle preguntamos como comezou a facer caricaturas, sorprendentemente,conta que non o lembra moi ben e que “quizais sempre as fixen, mais cando estudaba o Bacharelato adoitaba comezar os meus bocexos nunha cafetaría, aproveitando os panos de papel que se dispensaban aos clientes para eu debuxar alí facianas raras, de peteiros retorcidos e ollos ben grandes. Así comezou unha serie de centos de debuxos que din en chamar do mesmo xeito que aparece neses lenzos de papel: Grazas pola súa visita”.

Se nun principio debuxaba a descoñecidos, e seguro que a máis dunha persoa próxima, houbo un momento no que reparou nos autores do Día das Letras e tendo en conta o afán divulgador que posúe dende cativo, explica que “o que coñezo pretendo transmitilo ás demais persoas. Por mor diso, e sabendo que na defensa do idioma debemos colaborar todas e todos, considerei que era axeitado ter unha lembranza coas persoas homenaxeadas co Día das Letras. Intentaba, e intento, contemporanizar as súas siluetas –buscando que sexan amábeis– e afastándoas desas imaxes en branco e negro ás que nos remiten os buscadores da internet cando gustamos de obter información sobre delas. Logo, como adoita acontecer, sempre aparece alguén que lle gusta o que fas e pídecha para encontrarlle un lugar”.

Neste caso revela que “ese alguén foi Caetano Díaz –por aquela altura director do diario Galicia Hoxe, no que eu escribía todos os domingos– e o seu logro foi incorporar na portada do 17 de Maio de 2005 a caricatura que elaborara de Lorenzo Varela. Dende o Galicia Hoxe e despois xa en EL CORREO GALLEGO foron chegando un bo número de portadas con esas caricaturas que, de forma ininterrompida, saíron os 17 de maio dos anos 2011 até este 2021”.

Calificar o seu traballo de caricaturista non ten dificultade, é preciso, singular, informativo e, pola súa color e composición, moi alegre, o que nos leva a preguntarnos en que se inspira á hora de crealas.

A iso responde que “a inspiración pode vir de diversos eidos: dunha biografía fantástica da que extraes varios fitos importantes; dun poema ou texto da autora ou autor; do locus amoenus ou lugar de nacenza desa persoa; das súas reivindicacións e loitas ou, incluso, de aspectos e valores que delas e deles quero trasladar. Velaí o feminismo de Rosalía, a fantasía de Cunqueiro, a xenialidade de Xela Arias, o poliédrico Castelao, o dandismo de Lois Pereiro... Por veces tamén recreo obras de artistas galegos para incorporalas ás miñas imaxes: A fiestra do Atlántico de Francisco Pazos (para figurar a Fiestra Valdeira de Dieste), o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo (para amosar os monstros e medos que se agochan detrás dunha Lus do Candil de Anxel Fole)...”.

A súa actividade co tema do Día das Letras, non queda só na edición do 17 de maio, vai más alá, según nos relata, “o ano pasado, en plena pandemia, lancei unha recompilación de caricaturas (das 60 persoas homenaxeadas), nun libro que está a piques de esgotar a súa primeira edición. A verdade é que As letras galegas en caricatura tróuxome xa, de principio, moitas alegrías. Así e todo, estaría ben, un día, expoñelas todas xuntas. A primeira serie que fixen delas –que conste– fora montada nas instalacións do museo Manuel Torres, mercé da xenerosidade de Queremos Galego Marín, e no Museo Pedagóxico de Galicia. Outra cousa, sería expoñer estas novas, pois todas teñen o mesmo formato, técnicas vinculadas coa reciclaxe, o reemprego de materiais de refugallo... sen renunciar á miña verdadeira paixón, a acuarela”.

Heítor, como artista que é, nunca para de crear e pensar en novos proxectos. Dos que ten en mente comenta que “quizais remate unha serie de pinturas en augatinta –estilo debuxo arqueolóxico– en gran formato e sobre láminas de algodón, composta por varias pezas do Mestre Mateo e do seu obradoiro. Que conste que catro delas xa foron publicadas en Románico: revista de arte de amigos del Románico e outra expuxérase no Museo do Mar canda a chegada do Pergamiño Vindel. Así e todo, na gabeta finca un par de libros por ilustrar”.

Heítor Picallo crea porque é o seu, produce porque lle enche, pero cal será o seu soño sobre as súas obras? Non dubida, afirma que “realmente o que me gustaría é que servisen, cando menos, como vehículo concienciador da necesidade irrenunciábel (coherente, sensata, leal e honesta) de defender tanto a nosa propia cultura como as artes plásticas, as humanidades, o coñecemento (tamén científico) en galego e a divulgación e protección do agasallo máis grande que conservamos: a identidade e a lingua galega. O resto resulta menos importante...”.

Marina Salgueiro

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.