Hemeroteca
Patrimonio da Humanidade

Cúpula Genbaku

  • 31 jul 2007 / 18:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A mediados do século XIX a presión internacional provocou a fin do tradicional illamento xaponés, pero rapidamente, para asombro das potencias coloniais, o Imperio do Sol Nacente converteuse nunha moderna nación industrial.

Nas seguintes décadas foron construídas infraestruturas de comunicación e grandes fábricas, e a poboación concentrouse en cidades que medraron a un ritmo vertixinoso, como foi o caso da vila de Hiroshima.

Esta poboación na costa da illa de Seto fora fundada no ano 1589, pero non adquiriu o status de cidade ata o 1889, xusto trescentos anos despois, e como consecuencia da migración dos habitantes do rural, que acudían a traballar nas súas factorías.

E coa finalidade de continuar promovendo a produción industrial na contorna, no ano 1910 a Asemblea da Prefectura de Hiro
shima decidiu construír na ribeira esquerda do río Motoyasu un salón para exhibicións comerciais, proxecto que inicialmente tomou a denominación de Pavillón de Exposicións Comerciais da Prefectura de Hiroshima.

Curiosamente, para a realización dos plano contratouse un arquitecto checo, Jan Letzel, que estudiara na Escola de Arte Industrial e Creativa de Praga e tivera como mestres algúns dos arquitectos europeos máis innovadores do seu tempo, e cando obtivo o título foi a traballar primeiro a Exipto e máis tarde ó Xapón, onde residiu entre 1907 e 1923; alí Letzel foi o responsable de quince proxectos para edificios públicos e de vivendas, pero o traballo que fixo en Hiroshima é o máis recordado, non tanto polo estilo innovador como polas circunstancias históricas.

Porque en principio non había nada salientable naquel pavillón, un simple edificio de ladrillo, revestido exteriormente con pedra: abarcaba uns mil metros cadrados, e tiña tres plantas, cun núcleo central de cinco alturas coroado por unha cúpula elíptica, realizada con arcos de aceiro e cuberta con planchas de cobre.

Con todo e iso, o certo é que no seu tempo o Pavillón de Exposicións destacaba no seu contorno, porque para o ano 1914, en que comezaron as obras, a maioría de edificios de Hiroshima, como en calquera outra cidade xaponesa, aínda eran sinxelas construcións de madeira de dúas plantas, incluso moitos dos obra-
doiros ou fábricas.

Os traballos déronse por rematados en abril do ano 1915, e no mes de agosto foi inaugurada oficialmente aquela estrutura de deseño europeo, que coa súa cúpula revestida de cobre axiña se converteu nun fito da cidade. No ano 1921 cambióuselle a denominación orixinal pola de Salón de Exposición de Produtos da Prefectura de Hiroshima, e no 1933 de novo cambiou o seu nome polo de Salón de Promoción Industrial da Prefectura de Hiroshima, pero para o ano 1945, no marco da Segunda Guerra Mundial, ocorreu un suceso moito máis dramático que un cambio de nomenclatura.

Naquel ano, ás oito e cuarto da mañá do 6 de agosto, o avión estadounidense Enola Gay lanzou sobre Hiroshima a bomba Little Boy, e uns minutos despois a cidade era un inferno: a bomba atómica fixo explosión a unha altitude de seiscentos corenta metros, e, en cuestión de milésimas de segundo a súa potencia devastadora volatilizou a parte da cidade sobre a cal se tirara.

Nos seguintes cinco segundos a onda expansiva e o consumo de osíxeno (que xerou unhas fortísimas correntes de aire), consumaron a destrución da cidade e aniquilación dos seus habitantes, unha cifra que aínda hoxe é discutida.

Casualmente, a explosión produciuse case sobre a vertical do Pabellón de Exposicións, e foi esta circunstancia a que preservou parte da súa estrutura: o tellado e as diversas plantas caeron, xunto cos muros interiores dos pisos superiores, pero as columnas, as vigas e a cúpula de aceiro resistiron.

Así, quedaron como un esquelete no centro da cidade arrasada, e cando comezou a reconstrución de Hiroshima decidiuse conservar naquel estado o edificio, que comezou a coñecerse como Cúpula de Genbaku (Cúpula da Bomba Atómica).

No 1950 arredor deste monumento creouse o Parque Memorial da Paz, e dende o 1952 cada ano celébrase alí a Cerimonia Mundial da Paz, un acto que pretende impedir que as vítimas de Hiroshima caian no esquecemento, pero tamén evitar que a Historia se repita.

Tema marcado como favorito