Hemeroteca

Historia do republicanismo en Galicia (1812-1936)

Este movemento político atravesa a historia da nosa terra converxendo co movemento obreiro e co nacionalismo e manifestándose con gran vizosidade nos períodos de Goberno. Un libro de Emilio Grandío Seoane recorda o devir dos acontecementos

    • 20 mar 2007 / 18:38
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A República foi, en dúas ocasións nos últimos 200 anos, o réxime político establecido legalmente en España: a primeira vez, estableceuse tras a abdicación do rei Amadeo de Savoia o 11 de febreiro de 1873; a segunda, logo da renuncia ao trono do rei Afonso XIII, o 14 de abril de 1931; porén, como non podía ser doutro xeito, a instauración do republicanismo non pode limitarse a eses dous momentos da historia.

    Efectivamente, o republicanismo, en tanto que movemento político, afunde as súas raíces no liberalismo democrático forxado en tempos de Fernando VII fronte aos absolutistas monárquicos e atravesa a historia de Galicia converxendo co movemento obreiro e co nacionalismo e manifestándose con gran vizosidade nos períodos republicanos (1873-1874 e 1931-1936, aínda que a II República se prolongou no exilio ate 1977), como se pode constatar no libro República e republicanos en Galicia (Ateneo Republicano de Galicia, 2006), a cargo de Emilio Grandío Seoane.

     

    Os antecedentes hai que buscalos antes do 1849

    Os antecedentes republicanos hai que buscalos, xa que logo, nos anos anteriores á fundación do Partido Demócrata no 1849, aínda que durante ese período a Constitución do 1837 marcou un antes e un despois debido a que os liberais progresistas abandonaban, dende ese momento, o espírito democrático que se podía rastrexar na Constitución de 1812, "na que o rei non representaba máis papel que o de primeiro maxistrado da nación", como sinalaba o demócrata Fernando Garrido.

    Así mesmo, os republicanos tomarán conciencia da súa singularidade tras os acontecementos de 1846 e 1848, nos que tomaron partido algúns dos primeiros republicanos galegos que axiña participarán na fundación do Partido Demócrata no 1849, no que confluían os líderes procedentes da esquerda do vello Partido Progresista, os republicanos non adscritos até ese momento e un salientable sector socialista; naquel partido confluíron, xa que logo, algúns dos máis salientables republicanos, entre os que cómpre mencionar a Eduardo Chao Fernández, Eduardo Ruíz Pons, Antonio Romero Ortiz, Juan Manuel Pereira Castro ou Manuel Becerra Bermúdez; foron, ademais, os protagonistas do democrático Banquete de Conxo, celebrado pouco antes de que o Bienio Progresista chegase á súa fin. Agora ben, a medida que avanzaba o reinado de Sabela II, os republicanos incrementaron a súa actividade legal e clandestina, polo que o seu pulo foi decisivo para o éxito do Sexenio Revolucionario (1868-1874). Efectivamente, poucas horas despois do pronunciamento gaditano, seguirán as adhesións á causa revolucionaria en Galicia, primeiro en Ferrol, axiña na Coruña e logo en Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela; porén, malia a incorporación dos republicanos á causa revolucionaria, foron illados dentro das Xuntas revolucionarias e excluídos do goberno provisional, no que só participaron progresistas e unionistas. Con todo, o 11 de febreiro do 1873, logo da abdicación de Amadeo de Savoia, os deputados a Cortes pactan a proclamación da República e a formación dun goberno bicolor de radicais e republicanos. Nas eleccións a Cortes constituíntes, os republicanos, que centraran a súa campaña na separación entre Igrexa e Estado, na abolición das quintas e das contribucións que gravaban os máis necesitados, na redención dos foros, na necesidade do ferrocarril para Galicia e na autonomía galega, obtiveron 37 dos 45 escanos en xogo. Os deputados republicanos, malia que avanzaron na consolidación dun estado democrático e laico, garante dos dereitos individuais e da autonomía dos concellos, non foron quen de resolver a cuestión federal e social; ben que entre as súas filas houbo recoñecidos galeguistas como o alcalde santiagués José Sánchez Villamarín.

    Así e todo, malia que a I República non resolveu algúns dos problemas do momento, os republicanos deixaron unha fonda pegada no movemento rexionalista galego e no desenvolvemento do socialismo obreiro.

    Fracasada a I República, consecuencia da crise económica, das guerras carlistas e das tensións internas herdadas do período anterior, e restaurada a monarquía borbónica na figura de Afonso XII, os republicanos vivirán uns anos de chumbo, nos que serán excluídos da actividade política estatal, aínda que participarán na actividade política local e na esfera pública, fundando ateneos e asociacións de todo tipo a partir, sobre todo, do 1881. Agora ben, durante estes anos, os republicanos farán causa común con demócratas e galeguistas, participando xuntos nos banquetes democráticos en lembranza da proclamación da I República ou noutras actividades, nos que estarán presentes, entre outros, Curros, Pondal, Paz Novoa, Fernández Latorre ou Sánchez Villamarín; así mesmo, nestes anos, malia a lei de asociacións primeiro e de sufraxio universal masculino despois, algúns dos que en tempos estiveran nas filas do federalismo acabarán integrándose en partidos monárquicos e no republicanismo galego apenas salientará a figura de Eduardo Chao.

    Finalmente, logo dos anos de chumbo do reinado de Afonso XII e da longa travesía polo deserto da rexencia e do reinado de Afonso XIII, momento no que se comezarán a establecer os que serán bastións do republicanismo galego arredor do Casino Republicano da Coruña ou dos radicais pontevedreses e doutros núcleos de actividade política, como as máis diversas asociacións agraristas e de defensa dos intereses dos traballadores ou xornais, o republicanismo galego manifestarase cun gran dinamismo o 16 de marzo de 1930, no emblemático Pazo de Lestrove, no que representantes de todas as tendencias políticas que se opuñan á ditadura monárquica de Primo de Rivera, acordaron fundar a Federación Republicana Galega (FRG) e, sobre todo, logo do 14 de abril de 1931, data na que se proclamaba a II República logo da renuncia ao trono, que non abdicación, de Afonso XIII, quen abdicou pouco antes de morrer no seu fillo Xoán.

     

    Organización Republicana Galega Autónoma

    Daquela, a partir do 14 de abril do ano 1931, dúas serán as estratexias políticas que representarán o republicanismo galego (á marxe de que outras formacións políticas nacionalistas, socialistas ou comunistas, tamén fosen republicanas): a representada pola Organización Republicana Galega Autónoma ­(ORGA), un partido político de tendencia galeguista e de esquerdas, fundado por Santiago Casares Quiroga e Antón Vilar Ponte, que logo se transformaría en Partido Republicano Galego (PRG), nun intento de estender o republicanismo a novos grupos sociais e, finalmente, se integraría, xunto con Acción Republicana, en Izquierda Republicana, baixo a presidencia de Manuel Azaña.

    Fronte a este republicanismo de esquerdas, a outra estratexia que representou o republicanismo galego nos anos da II República foi o Partido Radical, liderado en Galicia por Emiliano Iglesias; con todo, malia o peso electoral que conseguiu este partido e malia a incidencia que a agrupación galega tivo no Partido Radical de Lerroux no ámbito estatal, o certo é que o Partido Radical en Galicia nunca foi o que pretendía ser a ORGA: un proxecto nitidamente galego e para Galicia.

    Ambas as dúas forza, a pesar de partir con certo equilibrio de forzas en 1931, nas eleccións do 16 de febreiro de 1936 acadaron resultados completamente opostos, resultado dos camiños diverxentes polos que camiñaran nos anos anteriores. Efectivamente, a Fronte Popular, a formación que aglutinaba os partidos de esquerdas baixo o liderado de Izquierda Republicana, acadou un excelentes resultados electorais en Galicia; porén, o Partido Radical desaparece, practicamente, do mapa político galego.

    Logo da sublevación militar en contra da legalidade republicana vixente, protagonizada por un grupo de militares golpistas co apoio dos sectores máis reaccionarios da sociedade (sectores do clero, oligarquías industrial e financeira...), sucedéronse algunhas das xornadas represivas máis terroríficas do noso pasado recente; naqueles días foron asasinados extraxudicialmente (paseados) e xulgados por tribunais de guerra que perverteron a lexislación para acusar de traidores aos que permaneceran leais a legalidade constitucional vixente, milleiros de republicanos e republicanas, dende os homes e mulleres anónimas até os principais dirixentes do republicanismo galego, así como doutras forzas políticas nacionalistas e de esquerdas.

    Tema marcado como favorito