Tendencias

Marca Compostela

    • 29 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    É ben certo que, chegado un punto, a crítica comeza a poñerse inintelixible. Cando se di dunha novela que oscila entre a ucronía e o contundente testemuño dun deconstrutivismo utópico, unha de dúas: ou a novela de marras é un peñazo de sete estralos ou o crítico adoece dun serio episodio de diarrea cerebral, grave patoloxía, por certo, con manifesta prevalencia, ademais de en críticos, en poetas vangardistas e psicanalistas do cono sur. A crítica (artística, cinematográfica, literaria... ) é un oficio paralelo (e case tan lucrativo con abondo menor esforzo) da arte, o cinema ou a literatura, polo que se ten afirmado que tras todo crítico hai un artista, cineasta ou escritor frustrado. A min, xa ve vostede que cousas pasan, ofrecéronme unha vez escribir periodicamente unha columna consagrada á crítica de libros. Vaites, ho! dixen ao amable propoñente. Probablemente non coñeza eu un exercicio máis aburrido que ler libros, non por pracer (fundamento auténtico da lectura literaria) senón co alarmante designio de escribir despois que me parecen. Eu sonlle moi desordenado e pouco metódico en punto a lecturas. Primeiro, son mellor relector que lector, do cal, en segundo lugar, deriva que as novidades literarias non me resulten simpáticas pois póñenme medo: nada hai mellor que retornar a terras coñecidas e evitar os riscos de ir á ventura por mares procelosos; por último, son un ácrata, impermeable ás disciplinas: podo ter sobre a mesa de noite oito ou nove libros, nos que, cando me peta, depenico sen orde nin concerto. Con estes vimbios, é doado comprender por que rexeitei a xenerosa, malia peregrina, proposta de converterme en crítico literario. Só o feito de ter que cinguirme á servidume dun único libro durante sete días xa me indispoñería con el, de xeito que a recensión iría viciada de principio. Deixando isto de lado, por que lle ía importar a ninguén o que eu opine sobre un libro? Aos críticos pásalles, creo eu, o que aos avaliadores académicos dos orixinais e aos docentes con hiperclorhidria: non xulgan as máis das veces o que hai no libro, no orixinal ou no exame senón o que, segundo eles, debía haber; é así, claro, non hai maneira. As bondades do que hai fican subxugadas á nostalxia do que non hai.

    En fin, que é infinitamente máis doado criticar que crear, razón pola que, ao cabo, malia con ben pobres resultados, dediqueime sempre máis ao segundo mester que ao primeiro.

    Pero, como para toda regra hai unha excepción, no pouco espazo que me resta, e coa indulxencia do lector, vou falar dun libro; dun libro pequeno, dun pequeno gran libro, de soberbio concepto e deseño, magnificamente editado e, por riba, consagrado a un tema altamente suxestivo e inspirado por un amor rabioso á nosa cidade. Trátase da obra dun gran profesional da creación e deseño editorial, un indie alleo a circuítos oficiais e mecenados político-culturais, que, como é adoito entre as xentes de vitola, é fundamentalmente modesto e foxe de loureiros e ouropeis. Falo de La marca compostela. Memoria gráfica dun símbolo (Asociación Cultural Rocamadour, 2021) do meu amigo e vello colaborador Alberto R. Rodríguez, creador gráfico de fonda raizame galega pero chegado ao país dende o seu Uruguai natal a comezos de século. En pouco más de cen páxinas, esta engaiolante viaxe gráfica amosa como unha idea callou e foi desenvolvéndose nunha iconografía, rica e plástica, na que a vieira sobrancea como tótem dun espírito milenario: Compostela.

    Fin da reseña. Prometo, polo demais, non usar nunca máis esta columna para falar dun libro.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.