Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Agenda cultural: ¿Qué hacer hoy, 7 de octubre, en Santiago?

Imagen del documental español 'Nacido en Gaza'

Imagen del documental español 'Nacido en Gaza' / Cedida

Santiago

O Araguaney despide o ciclo ‘Gaza en 8 mm’

Este serán, ás 20 horas, o Salón Olivo do Hotel Eurostars Araguaney acolle unha nova proxección dentro do ciclo de cine Gaza en 8 mm. Trátase do documental español Nacido en Gaza, unha cinta que conta o impacto da violencia do conflito palestino-israelí sobre a infancia. Filmado durante a ofensiva israelí que asolou a Franxa en 2014, este documental segue a vida dunha decena de nenos e nenas que relatan como é o seu día a día baixo as bombas e a destrución. Nacido en Gaza é un filme producido pola cantante Bebe, o xornalista Jon Sistiaga e o produtor Olmo Figueredo. A peza, que clausura tamén este ciclo que arrancou a mediados de setembro, foi nomeada a mellor documental nos Premios Goya de 2015 e fíxose en 2014 –ano do filme– co Premio José María Forqué.

O molde do zapato revisitado dende a arte contemporánea

A Asociación Área Empresarial do Tambre inaugura ás 20 horas, Hormas, unha exposición fotográfica, pictórica e escultórica creada a partir da colección Andante, do arquitecto Ramón Álvarez. Trátase dun compendio de arte contemporánea creada a partir dos moldes dos zapatos “como elemento integrador que pretende abarcar todos os campos creativos”. A mostra poderase visitar no Centro Empresarial do Tambre –Vía Edison, 1, no Polígono do Tambre– ata o 23 de novembro, en horario de luns a venres de 9 a 14 e de 16 a 20 horas. A organización recomenda telefonar antes da visita ao 981552850.

Parte das pezas que compoñen a mostra

Parte das pezas que compoñen a mostra / Cedida

Unha viaxe pola música de Barbara Strozzi

O Festival Ateneo Barroco presenta, ás 21h. no Teatro Principal o concerto Saffo Novella: solos e dúos de Barbara Strozzi. Será interpretado por Dolce Rima, coas sopranos Laura Martínez e Julieta Viñas xunto a Xurxo Varela (viola da gamba) e Paula Brieba (tiorba).

O ensemble Dolce Rima interpretará a Barbara Strozzi

O ensemble Dolce Rima interpretará a Barbara Strozzi / Cedida

Taibo diserta sobre a crise ecolóxica

Volven os Luns do Ateneo, desta volta cun evento que terá lugar a partir das 19 horas na sede de Afundación –rúa do Vilar, 19–. Trátase da conferencia do politólogo Carlos Taibo, que disertará sobre a crise ecolóxica actual. Unha charla aberta ao público até completar a capacidade da sala e que leva por título Ante a crise ecolóxica: unha defensa do decrecemento.

Música solidaria con Palestina

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas presenta hoxe, en rolda de prensa na Reixa Tenda –rúa do Hórreo, 46– o concerto solidario Amal x Gaza, enmarcado na programación da Semana de Cine Euroárabe Amal e previsto para o día 17 na Sala Capitol. Nel actuarán Boyanka Kostova, Ataque Escampe, García MC e Tanxugueiras.

Mostra na igrexa da Universidade

A igrexa da Universidade –praza de Mazarelos, 2– será o espazo que acolla dende hoxe até o vindeiro 12 de novembro a exposición conmemorativa do bicentenario do pasamento do matemático José Rodríguez, nomeado Científico Galego do Ano pola Real Academia Galega de Ciencias. A inauguración, á que asistirá o conselleiro de Educación, é as 19 horas.

Tracking Pixel Contents