Atardecer no Gaiás: rap feminista en galego

DE BALDE Atardecer no Gaiás continúa ao longo do verán con outra ducia de citas musicais ao aire libre para todos os públicos. No día de hoxe, o ciclo da campaña CulturON traerá neste atardecer a Flow de Toxo. Esta é unha iniciativa da Xunta que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha ata setembro. As artistas de hoxe fan rap galego e son da comarca do Condado. Nos seus temas tratan temas como a defensa do rural, o feminismo ou a loita contra o patriarcado. Todas as integrantes son mulleres que cantan, e moitas delas son pandereteiras, polo que a súa música traballa unha fusión entre instrumentos tradicionais galegos e electrónicos. O concerto celebrarase hoxe as 21:00 horas na Cidade da Cultura, e como todos os concertos dentro deste programa, será de balde. 

Un show de comedia con improvisación co público no Auditorio Abanca

Mikel Bermejo Cedida

TEATRO E COMEDIA Tiquismiquis é un show de Mikel Bermejo, un cómico, guionista e presentador vasco, que chega a Compostela ao Auditorio de Abanca hoxe. Este espectáculo cómico tratará todo o que o autor pensa e ve ao seu redor, pequenas cousas que lle pasaron e lle poden ocorrer a calquera, pero que nunca un se para a analizar. Tiquismiquis terá un pase único este xoves 11 ás 20:30, cun prezo de 16 euros por entrada.

De foliada coa Banda Municipal de Música de Santiago

MÚSICA EN DIRECTO Un mes máis e unha postal nova, e nesta ocasión o nome do concerto é de foliada na ribeira do Sar, unha actuación da banda Municipal de Música de Santiago de Compostela en colaboración coa Agrupación Folclórica da Colexiara do Sar. O concerto que se celebrará hoxe estará baixo a dirección de David Fiuza, ás 20:00 horas na Praza de Praterías. O repertorio da actuación incluirá pezas tradicionais e de foliada.

Continúa o ciclo adicado a Stanley Kubrick

Fotograma de ‘Doctor Sleep’ Cedida

CINE Para sorpresa de ninguén, a secuela do Resplandor está incluída no ciclo Nocturama no Numax, un programa de filmes adicado á figura de Stanley Kubrick, un dos cineastas máis importante so século XX, que explora os seus filmes, as obras que o inspiraron e o outras que estean relacionadas co autor. A película de hoxe será Doctor Sleep (2019) de Mike Flanagan, que trata a vida adulta de Danny. A proxección deste filme realizarase hoxe ás 21:55 horas, cun prezo de entrada de 5,90 euros.