Axenda cultural: Que facer hoxe 19 de maio en Santiago?
Arte, ciencia ou as Letras, entre as propostas culturais deste luns en Compostela

Pintura de Cecilio Chaves que forma parte da exposición colectiva no Centro Empresarial do Tambre / cedida
Reunión de artistas de Cádiz e Compostela no Tambre
PINTURA. A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugura ás 20 horas deste serán a exposición colectiva de pintura e fotografía Afinidades ComposteloGaditanas de cinco artistas: Cecilio Chaves, Inés Gontad, Julián Gades, Nietto e Suly. A exposición está composta por máis de 20 obras, entre pinturas figurativas, ao óleo e tamén acrílicos, e fotografías. A mostra, exposta no Centro Empresarial do Tambre –Rua Via Edison, 1– reúne a obra de artistas composteláns e gaditanos.
Intervención no NH Collection
A Galería Luisa Pita inaugurou o venres no NH Collection Santiago a súa segunda intervención artística, coa exposición Humanidade, do creador galego Arturo Álvarez. A mostra, concibida especificamente para o cubo de cristal que dá acceso ao vestíbulo pode visitarse durante os próximos nove meses.

Intervención no NH Collection / Cedida
Conferencia sobre o acceso á vivenda nos Luns do Ateneo
CONFERENCIA. A partir das 19.30 horas o Ateneo de Santiago organiza unha nova charla, desta volta titulada Accesibilidade á vivenda e desigualdade social no século XXI, impartida polo investigador Ramón y Cajal da Universidade de Santiago de Compostela, Ismael Yrigoy. O relator é especialista no impacto do mercado inmobiliario na configuración das cidades e na distribución social do territorio, e ofrecerá no Ateneo unha análise crítica das dificultades crecentes para acceder a unha vivenda digna nos diversos contextos urbanos.
Charla sobre a epilepsia na Ánxel Casal
SAÚDE. A Biblioteca Pública Ánxel Casal cede o seu salón de actos a FADEMGA Plena Inclusión para a realización da charla Epilepsia: investigación e innovación compartida. Unha xornada sobre epilepsia, ciencia e o papel das persoas na investigación médica, aberta ao público xeral –que pode inscribirse antes do inicio do acto– que dará inicio ás 19 horas.
Divulgación científica con ‘Pint of Science’
Pint of Science –o maior festival internacional de divulgación científica– celebra dende hoxe até o mércores a súa X edición, un encontro «distendido entre ciencia e cidadanía» que vai ter lugar no Café Bar Alborada de Veiga –praza de Pascual Veiga, 4, local 8– a partir das 18.30 horas, con entrada libre e gratuíta para todo tipo de públicos.
Celebrando as Letras na Cidade da Cultura
Tesoureiras do noso é unha exposición para poñer o foco en todas as mulleres que mantiveron viva a poesía e a música de tradición oral e para coñecer tamén como foi evolucionando a súa recollida e posta en valor ao longo dos tempos. Unha mostra na Biblioteca de Galicia que recompila libros, cancioneiros e material audiovisual para comprender a todas esas mulleres tocadoras.
Mostra artística e ‘Diversa’ en Afundación
Na sede de Afundación, na rúa do Vilar (19) pode visitarse de 12 a 14 e de 16.30 a 20.30 horas a mostra DIVERSA, unha selección das propostas máis representativas da ilustración actual que explora como as experiencias persoais dos artistas converxen para dar forma a un discurso visual que dialoga cos retos e temas do noso tempo.
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- Sellan un boleto de la Bonoloto galardonado con 193.000 euros en la papelería Boo de Milladoiro
- Anubis Dimitri, el gallego que comparte su vida con cuervos y triunfa en internet: 'Mi motor de vida es ayudar a los animales
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores
- Una spin-off finlandesa situada a 3.000 kilómetros de Santiago monta el nuevo superordenador cuántico para el Cesga: 'Será uno de los más potentes de Europa
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'