O programa de Xente marabillosa deste domingo pola noite (22.40 horas), presentado por Lucía Rodríguez na Televisión de Galicia, está dedicado a un dos males máis enraizados da nosa sociedade actual coincidindo precisamente coa celebración do mes do orgullo LGTB: a homofobia, é dicir, o rexeitamento e odio irracional que se ten cara a homosexualidade.

Trátase da oitava e última entrega da temporada deste formato novidoso na televisión galega, que colleitou un dobre éxito con programas que alcanzaron o 11,6 % de audiencia os domingos ata converterse no máis visto de todas as televisións autonómicas na súa franxa, pero que sorprendeu tamén cunha presenza en Internet nunca vista con anterioridade na televisión pública, con máis de sete millóns de reproducións nas distintas redes sociais do programa e da canle dende que comezou a emitirse en abril deste ano.

Un programa que busca a concienciación sobre diversos temas de índole social pero combinando a súa vocación de servizo público cunha clara aposta polo entretemento, cun enfoque centrado no respecto, a alegría e a empatía cos seus protagonistas. Esta semana, Xente Marabillosa detense nunha cuestión que continúa de plena actualidade: a discriminación por razóns de orientación sexual.

A morte que marcou o 3 de xullo de 2021

No recordo próximo de toda Galicia está a historia de Samuel Luiz, de cuxo falecemento se fan dous anos nas próximas semanas e cuxo caso transcendeu o ámbito rexional para converterse en referente de violencia por homofobia en toda España. A primeira noite de sábado en Galicia con ocio nocturno normalizado tras a pandemia, un 3 de xullo de 2021, quedou marcada pola morte de Samuel tras unha agresión grupal despois de ser perseguido e golpeado salvaxemente á saída dun local de ocio da Coruña. Convertido en mártir dunha realidade social que non debería existir en pleno século XXI, o seu nome lembra a necesidade de concienciar e insistir para terminar con estas actitudes violentas e discriminatorias.

Un ano, o de 2021, marcado por un aumento significativo de casos de violencia contra o colectivo LGTBI que viu ampliada a incidencia deste tipo de crimes en España nun 70 % respecto ao ano anterior. Unha agresión a unha parella na Coruña, ou un mozo ao que prohibiron entrar con minisaia nun local e que tras o conflito subseguinte foi agredido por axentes da autoridade, son xunto ao de Samuel algúns dos casos máis recordados dese ano, recollidos no informe 'Sacando as cores' que anualmente elabora o colectivo ALAS A Coruña. No ano 2022, con todo, sucedéronse casos similares por toda a xeografía nacional, ata o punto de que se pode considerar a homofobia como un mal endémico da sociedade.

Unha parella de mozos celebrando o seu aniversario

Para denunciar este tipo de violencia e discriminación, Xente Marabillosa emite este domingo unha nova entrega de cámara oculta, onde unha parella de mozos que celebra o seu aniversario nunha cafetería é insultada e humillada por un camareiro, tras as queixas duns clientes que os viron bicarse.

 Haberá algunha galega o galego marabilloso que queira transmitir normalidade e falar en defensa desta parella? Precisamente, as cámaras ocultas desta semana baséanse na experiencia persoal do ferrolán Daniel Labarta, quen tamén protagoniza a situación representada. Daniel experimentou o acoso e a violencia homófoba de preto cando foi golpeado e insultado nunha situación real similar e agora axuda a asesorar a outras persoas utilizando as redes sociais como a súa plataforma principal.

Ademais, Lucía Rodríguez recibe no estudio a un padriño querido polos galegos que será protagonista dunha das cámaras ocultas máis chocantes da temporada: Miguel Canalejo.

O actor, nacido en Vitoria-Gasteiz e adoptado na Coruña, fala no programa da súa implicación contra a homofobia xunto a outra gran voz invitada que tamén aporta sensibilidade e arte á noite: o cantante, músico e compositor Enrique Ramil, quen interpreta dous auténticos himnos do colectivo LGTBIQ+ como son 'Mujer contra mujer' e 'Soy Rebelde'.

Padriño, artista invitado e presentadora reciben a Iria Otero, a persoa marabillosa da semana. Tanto ela coma Miguel Canalejo recibirán unha sorpresa moi especial e divertida do programa e o trofeo que os recoñece como marabillosas persoas.