A CRTVG opta con 14 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival 2024
O filme de Jaione Camborda ‘O corno’ foi nomeado en dúas categoría
O espazo ‘Coa luz do corazón’, de Producións Celta, figura no apartado de mellor documental deportivo

Corina Mañá, protagonista de ‘Coa luz do corazón’, pilotanto unha avioneta / Producións Celta
Redacción
A CRTVG conseguiu 14 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival, que se entregarán o vindeiro mes de xuño en Cardiff, a capital de Gales, no transcurso da 45ª edición deste prestixioso certame. Doce producións co selo da canle pública (a película O corno é candidata en dúas categorías) e a Radio Galega, nomeada a estación de radio do ano, competirán polos galardóns con propostas de canles como a BBC británica en Escocia, Gales e Irlanda do Norte, as irlandesas RTE e TG4 e France 3 Bretagne. Entre as candidaturas galegas atópase a do programa Coa luz do corazón, de Producións Celta, na categoría de mellor espazo documental de deportes.
Na categoría de animación foi nomeada O soño da sultá, unha fábula dirixida por Isabel Herguera e producida por Abano Producións, que está inspirada nun conto feminista indio, escrito en 1905 por Rokeya Hossain. Esta coprodución internacional, con factura galega, foi o primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional, incluíndo o premio á mellor longametraxe de animación que acaba de conseguir no Festival de Bruxelas.
No apartado de factual entertainment (entretemento baseado en feitos reais) competirán dúas producións da TVG: Galicia Bonita e Unha historia de crimes. En emisión desde o ano 2019, Galicia Bonita é un reality producido por Lúa Ideas en que unha arquitecta especializada na recuperación de contornas rurais percorre Galicia cun reto enorme: reformar en cinco días unha casa que represente un bo exemplo do feísmo que, por desgraza, segue sendo habitual na paisaxe galega. Pola súa parte, Unha historia de crimes, de Ficción Producciones, analiza, coa axuda de expertos, os delitos con maior impacto na opinión pública galega a través de testemuñas familiares, documentación gráfica, atestados policiais e mesmo gravacións dos xuízos.
Ao premio a mellor serie dramática optará Operación Marea Negra, realizada tamén por Ficción Producciones. A Televisión de Galicia emitiu en 2023 a segunda temporada deste thriller inspirado polo suceso dun narcosubmarino que chegou hai uns anos ás costas galegas.
Outra das producións candidatas, neste caso na categoría de artes, será María Casares, a muller que viviu mil vidas, un documental sobre a actriz galega universal producido por Agallas Films e dirixido por Xavier Villaverde. A peza, que a G2 emitiu esta mesma semana, dentro da programación especial arredor do 8-M, achégase á vida dunha muller extraordinaria que se acabou convertendo en Francia nunha das actrices máis aclamadas do cine e do teatro.
A película O corno, dirixida por Jaione Camborda e gañadora da Cuncha de Ouro no último Festival de San Sebastián, foi nomeada en dúas categorías: mellor película dramática e spirit of the festival, que recoñece as producións que mellor simbolizan o espírito do certame. Este drama rural, ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizado por Janet Novás e narra a historia dunha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, se ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.
Na categoría de mellor documental competirá Galegos D’Ouro, realizado por Farol de Ideas e dirixido por Arminda Sousa, que se centra no gran número de traballadores galegos que contribuíron a construír a paisaxe do viño das ribeiras do Douro desde o século XVIII, incluíndo a construción dos socalcos, das adegas, das prantacións e das vendimas, ata facer del o escenario que hoxe é Patrimonio Mundial da Humanidade.
O extenso abano de candidaturas da CRTVG inclúe tamén os programas Comisión de Festas, que dá a coñecer o inxente traballo de organización das festas galegas, seleccionado na categoría de factual series; O mellor tractor do mundo, emitido o ano pasado nas redes sociais dos medios públicos cun formato de concurso, nomeado no apartado short form (formato curto); Pim Pam experimenta, un concurso escolar de ciencia, con preguntas, experimentos e retos, que opta a ser galardoado como mellor programa infantil.
Coa luz do corazón, de Producións Celta, no que os espectadores coñecen a Corina Maña, unha muller cega que acomete diversos retos semanaris derrubando barreiras e ideas preconcebidas sobre a discapacidade, opta ao galardón de mellor espazo documental de deportes, e Ondas Novas, que analiza como se pode innovar na creación musical, tanto na composición como na interpretación, é candidato a mellor espazo de música.
Ademais destas producións da Televisión de Galicia, a Radio Galega será unha das emisoras que compita polo premio a mellor estación de radio do ano.
O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 45 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos na contorna internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns.
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Premios Gallegos del Año 2025
- Narcopiso de Fontiñas: cómo el trapicheo esquiva la seguridad privada de los vecinos
- El Obradoiro arrasa con una victoria de equipo grande
- Llega a Santiago el equipo multidisciplinar que instalará el ciclotrón en el Centro de Protonterapia de Galicia
- Un fin de semana cargado de eventos dispara la ocupación hotelera en Santiago