Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Noelia Rey Presentadora de ‘Traes unha cantiga?’

“Hai grupos musicais que participan en 'Traes unha Cantiga?' cos que é inevitable emocionarse”

Noelia Rey, presentadora de ‘Traes unha cantiga’

Noelia Rey, presentadora de ‘Traes unha cantiga’ / CRTVG

Santiago

O programa de entretemento Traes unha cantiga? pon en valor a música de raíz galega dándolle visibilidade a unha tradición moi nosa: os populares cantos de taberna. A segunda tempada deste espazo que presenta Noelia Rey estréase hoxe na Televisión de Galicia (TVG) ás 22.30 horas. Con ela, falamos deste espazo que volve á canle autonómica.

Traes unha cantiga? foi un programa moi ben acollido pola audiencia da TVG, agora estréase unha segunda tempada. O espectador vaise atopar con algunha novidade?

Con moitísimas. É un concurso con dúas liñas de competición moi marcadas. Por unha banda, buscamos a cantiga máis popular de Galicia e, pola outra, a cantiga mellor interpretada por un grupo. Isto significa que imos ter programas nos que buscaremos semifinalistas ata chegar a unha gran final. Ese é o gran cambio, pero a esencia do programa segue sendo a mesma e a protagonista segue a ser a música popular.

A súa experiencia adquirida fai que a súa relación cos grupos sexa algo diferente?

Creo que non é diferente no sentido de que nunca sabes que che vai contar un grupo. O que podo dicir é que hai persoas marabillosas facendo un traballo fermosísimo de defensa da nosa música e só terei boas palabras para todos os que pasaron polo programa.

Segue habendo aspectos dos grupos que lle sorprenden?

Por suposto. Non hai dous grupos iguais. Con cada un descubrimos algo novo… E despois están as actuacións, por moito que os vexa ensaiar na entrevista previa, na taberna sempre sorprenden.

Nesta segunda tempada hai un xurado permanente distinto, Xurxo Fernándes, músico e estudoso da música tradicional galega, e Samuel González, membro do grupo The Rapants, que non é precisamente un grupo de música tradicional. Como foi traballar con eles?

Son marabillosos! É un auténtico luxo traballar cos dous e moi fácil. A Xurxo coñecíao por ter participado como padriño na pasada tempada e xa sabía que ía aportar moito ao programa. O seu traballo de recollidas é impresionante e en cada programa queda constancia do seu coñecemento da música tradicional e popular galega. E Samuel desprende toda esa naturalidade da rapazada que ao mellor non está tan familiarizada coa música popular e que goza descubrindo cada copla.

O programa mantén a incorporación en cada programa dun padriño ou madriña, case sempre persoas relevantes da música galega. Que aportan?

Son imprescindibles, e non só polo que aportan ao programa, que é moito, se non porque na esencia de Traes unha cantiga? está a defensa da nosa música e iso non só se consigue grazas aos marabillosos grupos que participan senón tamén con estas madriñas e padriños que levan toda a vida ao carón da música tradicional. Descubrir o traballo destas persoas e escoitalas cantar vai no ADN do programa.

O programa ten un compoñente emocional. Como vive a emoción que se produce? Emocionouse algunhas veces?

Moitas máis das que vos podedes imaxinar. Hai grupos cos que é inevitable emocionarse. E o bonito é que son emocións distintas porque de repente hai unha actuación coa que rimos, outra coa que é inevitable non bailar e outra que chega directamente ao corazón… Mentiría se non dixera que tiven que aguantar a lagrimiña algunha vez. E tamén por historias que nos contan. Unha das miñas partes favoritas do programa é a entrevista cos grupos e aí coñeces persoas e asociacións.

Unha cuestión máis persoal. O programa lévalle a relacionarse con moitos músicos, maioritariamente amadores, pero tamén figuras relevantes da nosa música tradicional. Isto esperta en vostede o interese de implicarse máis no mundo da música, querer formar parte dalgún grupo, ou simplemente aprender a tocar algún instrumento?

Creo que nesta tempada xa vou dando pistas do meu amor pola pandeireta. Cada vez que podo pídolla a alguén e intento levala comigo ata o final do programa. Non sei tocala pero si que é algo que teño na lista de cousas pendentes e aproveito momentos das gravacións para recibir algunha mini clase.

Cre que vai repetirse a boa acollida da audiencia da TVG que xa tivo o programa na primeira tempada?

Penso que si porque é un programa do que recibín moitísimo cariño da xente e, algo que me sorprendeu, foi que en sitios cotiáns como na panadería ou na tinturaría a xente falábame de que formaba parte de grupos e como tiñan que facer para participar. Ademais é un programa que está feito con moito cariño e respecto cara a música popular que é algo que nos une a todos, que nos leva a viaxar por momentos da nosa vida, e estar vendo que hai futuro dentro da nosa tradición é moi esperanzador e bonito de ver.

Tracking Pixel Contents