Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Famosos percorren a Galicia urbana en ‘A miña gran cidade’ da TVG

Chelo García Cortés será mañá mércores (21.35 horas) a primeira anfitrioa do programa

Acepta o reto de amosar a un convidado sorpresa os principais atractivos de Ourense

Noelia Rey e Chelo García Cortés, durante o programa na cidade de Ourense

Noelia Rey e Chelo García Cortés, durante o programa na cidade de Ourense / CRTVG

Santiago

Conseguir que un famoso ensine a súa cidade como nunca antes fora amosada a un convidado sorpresa e convecelo de quedar nela por uns días é a premisa da que parte o novo programa da Televisión de Galicia (TVG) A miña gran cidade, que a canle autonómica estrea mañá mércores ás 21.35 horas.

En cada capítulo do espazo, o anfitrión contará con tan só 24 horas para convencer ao seu convidado de que a súa cidade é o destino perfecto por descubrir e desfrutar. Pero cunha limitación: contará cun bono de só unha hora para facer todas as experiencias coas que sorprender ao seu visitante.

Ao final da visita, a celebridade convidada deberá tomar unha decisión: quedará pola cidade ou collerá o billete de volta? A presentadora, Noelia Rey, supervisará en todo momento que os famosos non excedan o tempo límite estipulado, engadindo tensión e diversión a esta aventura.

Na estrea do programa da TVG, a xornalista Chelo García Cortés regresa a súa cidade natal, Ourense, para conquistar a un convidado sorpresa –neste caso un dos seguintes: Ana Peleteiro, José Manuel Parada, Carlota Corredera ou Belén Esteban– que deberá decidir se prolonga a súa estancia na cidade das Burgas.

Durante unha intensa hora, o espectador acompañará á xornalista e ao seu convidado nun emocionante percorrido polos recordos máis íntimos: os estudios de radio onde comezou a súa carreira profesional, o lugar onde coñeceu ao seu primeiro amor, o río onde aprendeu a nadar co seu pai... Confesións inéditas, relatos de superación familiar e momentos entrañables que buscarán convencer ao visitante de quedar en Ourense.

A miña gran cidade amosa as cidades galegas a través da ollada persoal de grandes rostros da televisión, o deporte e a cultura. Produciránse encontros inesperados que vivirán momentos épicos e decisións sorprendentes nunha aposta única por ensinar a Galicia urbana dende a emoción e o humor.

Tracking Pixel Contents