Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Romay percorre A Coruña co trío Tanxugueiras en ‘A miña gran cidade’

O que fora teito da selección española de baloncesto recibe esta noite (TVG, 21.45 horas) na súa cidade natal ás pandeireiteiras Aída Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro

O exbaloncestista, coas compoñentes de Tanxugueiras na coruñesa praza de María Pita

O exbaloncestista, coas compoñentes de Tanxugueiras na coruñesa praza de María Pita / CRTVG

Santiago

O exbaloncestista Fernando Romay, teito do baloncesto español durante moitos anos, recibe hoxe ás Tanxugueiras na súa Coruña natal nun novo episodio de A miña gran cidade (TVG, ás 21.45 horas). O reto do espazo: convencer ao trío de quedar na cidade herculina con só catro experiencias e un bono de 60 minutos. "Quero ensinarlles a Coruña que xa non hai, pero tamén a de agora, que é preciosa", di Romay, que recoñeceu estar "moi nervioso" antes do encontro.

A ruta arrinca ao grande, na praza de María Pita, onde Romay compara as artistas coa histórica heroína galega: "Sodes como ela, loitastes contra a norma e levastes Tanxugueiras ao máximo!".

Paseando pola zona, acaban no clásico local de tequeños con ADN galego-venezolano. "Aquí houbo que adaptalos a Galicia, e en Galicia as cousas hai que facelas ao grande", explica Javi, o responsable. A resposta de Romay é inmediata: "Que llo digan a meus pais!".

Pola súa banda, as compoñentes de Tanxugueiras quéixanse entre risos: "Romay tápanos o sol e a cámara!".

Para a segunda experiencia, o coruñés leva ás convidadas a un restaurante apto para celíacos, detalle que as irmás Maneiro agradecen fondamente: "Probablemente, en cada xira acabamos contaminadas catro ou cinco veces", confesan. "Comer croquetas sen glute fóra da casa é impensable", engade Olaia, mentres Aída apunta: "Os celíacos non comen e os acompañantes, menos!". O humor non falta na sobremesa.

O que fora baloncestista do Real Madrid e tamén pivote da selección española pensou en subir á Torre de Hércules como terceira actividade, onde as Tanxugueiras poidan desfrutar das vistas e que poidan dende o alto "estar no meu lugar". Pero a suba complicarase e traerá sorpresas inesperadas para Romay e o equipo. Ademais, as pandeireiteiras non parecen convencidas: "A Torre ao final é o típico".

Romay remata o itinerario cunha pachanga de baloncesto cos seus amigos. "Cada vez que estou con eles, fanme feliz", di emocionado. Aída Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro lánzanse á cancha e, para sorpresa de todos, non se lles dá mal.

Tras unha xornada moi intensa canda o xigante de Catro Camiños, serán elas as que decidan se ben collen a maleta e quedan pola Coruña ou ben toman o billete de volta e marchan.

Tracking Pixel Contents