Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tania Llasera di a Manel Loureiro: "Pontevedra é máis bonita que Bilbo"

O escritor amosa a súa urbe á presentadora no espazo ‘A miña gran cidade’ (TVG, 21.45 horas)

Manuel Loureiro e Tania Llasera, de animada conversa pola cidade do Lérez

Manuel Loureiro e Tania Llasera, de animada conversa pola cidade do Lérez / CRTVG

Santiago

Esta noite, ás 21.45 horas, chega á TVG unha nova entrega de A miña gran cidade, con Pontevedra como escenario e o escritor Manel Loureiro como anfitrión. A súa misión será convencer a Tania Llasera de quedar na cidade tras vivir con el catro experiencias moi persoais. Ela chega coa mente aberta: "É a primeira vez que estou realmente en Galicia. Só vin dúas veces e foi rápido, por traballo".

A primeira parada é na Praza da Ferrería. "Eu xogaba nesta praza, e coma min, miña nai e seu pai… temos moitos recordos aquí", comenta Loureiro. A súa intención é que Tania se sinta como unha nena outra vez, e para iso prepáralle millo para as pombas. A química entre ambos é inmediata. Manel báixalle unha flor da camelia e ela responde: "Contigo ata a fin do mundo".

Como sorpresa, Llasera remata vestida co traxe tradicional galego tras coñecer a Asociación Pola Vila, que lle interpretan pezas tradicionais galegas. "Eu non sei que teñen as gaitas que, de súpeto, vólvome celta", di.

Na segunda experiencia visitan o Centro Galego de Tecnificación Deportiva. "Esta é unha cidade moi vencellada ao deporte", explica o anfitrión. Alí, Tania coñece atletas como a campioa do mundo en dobre minitramp Melania Rodríguez ou a Gustavo Dacal, que ostenta o récord de España de xavelina en cadeira de rodas, e mesmo se atreve a probar o trampolín, non sen o seu humor tan característico: "Rompín a cama saltando o outro día. Son 95 quilos máis a gravidade…".

Na terceira experiencia pasean pola praza de Méndez Núñez, onde Manel lle conta que Pontevedra é coñecida como "a boa vila que dá de beber a quen pasa". "A verdade é que penso que é máis bonito que Bilbo", comenta Tania. Logo visitan outras prazas como a da Leña ou a da Verdura. "Coñecelas axuda a ver como era tempos atrás a cidade", engade.

Xa no restaurante Trasmallo, Loureiro recoñece o reto: "Sendo ela vasca, levala a comer é un risco". Mais tralo éxito do marisco, o albariño e o peixe para o padal da presentadora, Loureiro respira aliviado e orgulloso, porque "os galegos non temos nada que envexar".

A última parada lévaos ao espazo artístico do Sanatorio, que Tania describe como "un lugar ecléctico e moderno". Despois, Loureiro acompáñaa ao seu estudio persoal, o "lugar secreto" onde escribe e dá vida ás súas novelas supervendas.

Tracking Pixel Contents