Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A TVG celebra en Santiago o seu corenta aniversario coa gala ‘Día G’

O evento, realizado no Pazo de Congresos, foi presentado por Xosé Ramón Gayoso, Arturo Fernández, Noelia Rey e Aitana del Mar

Emitirase o venres na canle galega no ‘prime time’

De esquerda a dereita: Ana Peón, Pedro Rojo, Ana Méndez, José López Campos, Concha Pombo, Miguel Santalices, Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez, Iago Lestegás e Jacobo Sutil

De esquerda a dereita: Ana Peón, Pedro Rojo, Ana Méndez, José López Campos, Concha Pombo, Miguel Santalices, Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez, Iago Lestegás e Jacobo Sutil / CRTVG

Santiago

A Televisión de Galicia (TVG) celebrou no día de onte catro décadas de vida cunha gala especial que reuniu máis dun milleiro de convidados no Pazo de Congresos de Santiago.

O evento, presentado por Xosé Ramón Gayoso, Arturo Fernández, Noelia Rey e Aitana del Mar, rendeu homenaxe á traxectoria da canle pública nun emotivo programa que se emitirá este venres, Día de Galicia, no prime time baixo o título Día G.

O encontro reuniu representantes institucionais, do ámbito audiovisual e traballadores e extraballadores da canle. Entre elas, atopábanse o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; ou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Tamén participaron figuras destacadas das producións informativas e de entretemento da TVG e da Radio Galega, ademais de centos de traballadores actuais e xubilados, nun recoñecemento colectivo ao labor e compromiso que fixeron posible a historia dos medios públicos galegos.

A gala Día G ofrécese como unha homenaxe audiovisual, participativa e cargada de emoción, cun repaso á evolución da canle a través da presenza de rostros históricos e actuacións de artistas emblemáticos da cultura galega como Luz Casal, Treixadura, Xil Ríos, Tanxugueiras, Heredeiros da Crus, Ortiga, D’Ninghures, Malvela ou G Face, entre outros.

Programación especial da TVG

A conmemoración do 40 aniversario prolongarase ao longo de varios días cunha programación especial. Hoxe, a TVG e a plataforma AGalega.gal ofrecerán en directo a entrega das Medallas de Galicia, que este ano distinguen aos alcaldes de Porto e Braga, Rui Moreira e Ricardo Rio. Esa mesma noite, o espazo Mirade arriba, presentado desde a praia de Silgar en Sanxenxo por David Espiño e Rocío Delgado, iluminará o ceo da vila cunha espectacular coreografía aérea con máis de 200 drons, acompañada dunha narración que renderá tributo ás catro décadas da TVG. A noite culminará coa conexión en directo cos tradicionais Fogos do Apóstolo desde tres escenarios emblemáticos de Compostela: a Alameda, a Cidade da Cultura e o parque de Carlomagno.

Xa o venres, Día de Galicia, a cobertura especial continuará coa retransmisión en directo da Ofrenda ao Apóstolo Santiago desde a Catedral, coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como delegado rexio.

A cultura galega, protagonista

O aniversario da TVG será tamén unha celebración do audiovisual galego. Os días 24 e 25 emitiranse dúas longametraxes galegas: Amigos ata a morte, comedia dramática de Javier Veiga, e Salta!, unha proposta familiar de ciencia ficción protagonizada por Marta Nieto e Tamar Novas.

O domingo 27, o programa No Foco ofrecerá unha edición especial centrada nos 40 anos da TVG, mentres outros espazos como Treixaromaría (xoves 24) e Búscate nas festas (sábado 26) achegarán, desde a memoria e o entretemento, novas olladas sobre a historia compartida entre a canle e o seu público.

Tracking Pixel Contents