A MIÑA GRAN CIDADE
Noelia Rey: «Ninguén se espera a Touriñán xogando ao futbolín con Marián Mouriño en Balaídos»
A nova tempada de «A miña gran cidade» chega á Televisión de Galicia chea de sorpresas e caras novas

FDV
R. V.
Norma Duval, Xosé Antonio Touriñán, Belinda Washington, Bertín Osborne, Marián Mouriño, Tamar Novas, Azúcar Moreno, Manuel Jabois ou Boris Izaguirre serán algúns dos rostros do exitoso programa «A miña gran cidade» na súa segunda tempada, conducida por Noelia Rey.
Que podemos esperar desta nova tempada?
A dinámica é a mesma: un famoso recibe un convidado sorpresa ao que debe ensinarlle a súa cidade nunha hora como máximo. Pero hai novidades! Esta tempada xa non imos só ás urbes, tamén visitamos vilas do país, como Ribadeo, Cangas, Rianxo, Fisterra... Se a xente comeza a ver famosos paseando polo seu concello, xa sabe a razón (risas).
Veremos rostros moi coñecidos.
E tanto! O que buscamos –e creo que conseguimos– son combinacións que, de primeiras, poidan sorprender. Tamén apostamos por perfís menos habituais na TVG, como Norma Duval, Belinda Washington, Marián Mouriño, Manuel Jabois, Boris Izaguirre, Tamar Novas, Azúcar Moreno ou Sonia y Selena, entre moitos.
Como o convidado é sorpresa, o anfitrión e el non se coñecen ata o programa. Lévanse ben?
(Suspira) É un programa cheo de emocións e hai xente que leva mellor as emocións que outras… (risas). Digamos que hai un anfitrión en concreto que tivo que controlar un pouco a súa convidada, que por momentos foi unha bomba a piques de estoupar (risas). Polo xeral todos se portaron ben e se involucraron na dinámica do programa, ao final están coñecendo un lugar de verdade e failles ilusión.
O primeiro episodio xunta a Eva Iglesias e Bertín Osborne en Rianxo.
Si, neste caso Eva e Bertín xa se coñecían de antes. Non queriamos levalo a unha gran cidade, el xa coñece moito Galicia. E atinamos, nunca estivera en Rianxo! O programa vai sorprender porque imos ver unha faceta de Bertín á que non estamos acostumados, máis persoal, na que comparte moito do seu día a día. Eva fixo que se sentise moi cómodo e acabou abríndose con ela.
Algún episodio que vaia impactar moito a audiencia?
Creo que o de Marián Mouriño amosando Vigo a Xosé Antonio Touriñán. Aínda que vai moi enfocado á rivalidade histórica, é un programa de unión Vigo-A Coruña e Celta-Dépor. Ademais, coñecemos a parte máis persoal e desenfadada da presidenta, que rara vez se ve en pantalla. E ninguén se espera a Touriñán xogando ao futbolín en Balaídos! (Risas) Quedou un derbi para no perdelo.
Que tal administran os famosos o tempo?
Uf, iso si que me trae dores de cabeza! Practicamente en todos os episodios piden que lles amplíe o tempo. Incluso hai algún famoso que directamente se quita o pinganillo para non escoitarme e seguir ao seu (risas). É complicado, tiven que ceder bastante, pero en moitas ocasións pagou a pena.
Cal é a clave do programa?
Algo que fai moi ben o equipo de A miña gran cidade é conseguir que os famosos se esquezan de que teñan cámaras seguíndoos, ábrense moito con nós. A xente é moi xenerosa co programa e a atmosfera que se crea é case máxica.
A primeira tempada tivo unha gran acollida.
Si, penso que gustou moito tanto polo labor de ensinar as cidades cun prisma máis persoal como pola parte de entretemento, mesturando dous rostros coñecidos sen relación aparente. É algo que xera moita curiosidade á xente.
Tamén no sector gustou o formato.
Temos a sorte de presentar este sábado a segunda tempada no prestixioso Festival de Televisión de Vitoria, estamos moi contentos. Esperamos que esta segunda tempada guste e sorprenda, que cremos que si (risas).
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Muere una persona en Porto do Son después de chocar con un caballo
- Agotado el Bono Activa Comercio tras solo dos días en funcionamiento
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: 'Me han enterrado a un amigo dos veces
- As Cancelas revela al primer artista confirmado para su festival de música gratuito
- Muere Jesús Bernal, el atleta más querido del circuito gallego