'A miña gran cidade', nova entrega esta noite na TVG, ás 22.00 horas
Belinda Washington, a Gayoso: «Quero quedarme a vivir en Ribadeo»
O presentador de ‘Luar’, o rostro máis emblemático da TVG, visita a vila da man dunha anfitrioa que coñece ben A Mariña lucense, xa que veranea nela dende hai máis de 20 anos

Gayoso e Belinda, na praia das Catedrais, de baile coa música da man dun gaiteiro / CRTVG
REDACCIÓN
Este sábado, ás 22.00 horas, chega á TVG unha nova entrega de A miña gran cidade, programa no que a actriz e presentadora Belinda Washington regresa á súa querida Mariña lucense para facer de anfitrioa en Ribadeo. O convidado non podía ser outro que Xosé Ramón Gayoso, o rostro máis emblemático da tele galega. O reto: convencer o mítico presentador de Luar de quedar a vivir na vila fronteiriza.
«Sen ser galega, son defensora de Galicia, e da Mariña estou tolamente namorada», declara Belinda, emocionada antes de comezar a xornada. A actriz, que se considera xa medio galega despois de dúas décadas vindo á vila mariñá, non oculta a súa paixón pola terra: «Marcho chorando sempre que me vou, esa morriña coñézoa ben».
Gayoso, pola súa banda, confesa que, malia ter raíces na Mariña, Ribadeo era un descoñecido para el. «Que unha muller que non é galega vaia descubrirme as lindas paisaxes que temos nesta terra é un logro do programa», admite, entre retranca e curiosidade.
O momento do encontro é puro humor e tenrura. Belinda, entusiasmada, non pode disimular a súa ilusión ao ver a quen chama «unha verdadeira institución galega». Entre sorrisos, a actriz aproveita para sacar unha espiña do corazón: «Gayoso, eu o que quero é ir ao Luar co meu grupo de jazz, pero nunca houbo maneira!». O presentador, entre risas, retruca: «Pois igual hoxe cambiamos iso, quen sabe!».
A aventura comeza no peirao de Ribadeo, onde embarcan no ‘Santa Clara’ para percorrer a ría do Eo. O día amence con néboa e algo de poalla, un tempo que tanto Belinda como Gayoso aseguran adorar. «Encántame este tempo, é moi noso», di o presentador.
Durante o traxecto, a actriz explícalle como evitar o mareo facendo «coma as galiñas», mirando ao horizonte e deixándose ir. Ambos acaban cacarexando e imitando o seu movemento coa cabeza, entre risas, «para facer honra ao apelido», apunta Xosé Ramón Gayoso.
O bo humor dá paso ás confidencias. Belinda propón un brinde con cava e pídelle ao seu convidado que recorde algunha anécdota inesquecible dos seus anos á fronte de Luar. Gayoso non tarda en responder: «Anunciamos a morte do Fary… e o home aínda non morrera!». Belinda non tarda en igualar a lembranza: «Pois eu, cos nervios do directo, cheguei a dar paso á noticia da morte de Lola Flores dicindo ‘aúpa, Lola!’». Entre gargalladas, brindan pola memoria, pola vida e por Galicia.
«Estou tolamente namorada de Ribadeo, estou desexando virme a vivir xa para sempre. E seguir traballando para Galicia, dígoo de corazón», asegura Belinda, con emoción sincera. Logo da travesía, toca xantar na Confraría de Rinlo, un dos lugares máis queridos pola anfitrioa. Belinda garda unha estreita amizade coa veciñanza.
O menú é un auténtico festín mariñeiro: percebes, cigalas e lumbrigante con arroz caldoso. «Cando ti ves como collen os percebes, entendes por que van tan caros», comenta Gayoso. «Claro, xóganse a vida», engade Belinda.
As sorpresas non paran: o colofón chega coa actuación dos Pandeireteiros do Inferno, que os fan bailar e cantar a partes iguais.
Cae a noite e chega o intre da verdade. Gayoso debe escoller: quedar coa maleta en Ribadeo ou marchar co billete de volta.
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Los ríos de Santiago multiplican su caudal por diez en cuatro horas: 'Subiu alomenos cinco metros
- Prime Video desembarca en Santiago para grabar nuevos capítulos de una de sus series de referencia
- Santiago pone fecha a la llegada de la Navidad : del encendido de las luces a los mercados, todo lo que debes saber
- Desalojado el narcopiso de Fontiñas: «Estamos contentos»
- El ADN innovador de Finsa: 'Es uno de los principales usuarios del supercomputador del Cesga
- Los efectos de Claudia en Santiago: un herido en la AP-9 y varios puntos inundados
- Llega el centollo a los mercados: claves para distinguir el gallego del de fuera