Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O filme galego ‘Decorado’ recibe un novo recoñecemento internacional

O novo proxecto do coruñés Alberto Vázquez, gañador de catro Premios Goya, chega este venres aos cines

Fotograma da longametraxe ‘Decorado’, de Alberto Vázquez

Fotograma da longametraxe ‘Decorado’, de Alberto Vázquez / Cedida

Anxo Bentrón

Anxo Bentrón

Santiago

O filme Decorado, dirixido polo galego Alberto Vázquez –gañador de catro Premios Goya con Birdboy (2012), Psiconautas (2017), a curta Decorado (2017) e Unicorn Wars (2023)– e apoiado pola Corporación de Servicios Audiovisuais de Galicia (CSAG) –antiga CRTVG–, vén de recibir un novo recoñecemento internacional, desta vez o Premio Especial do Xurado no prestixioso festival estadounidense Animation is Film que nos últimos días se celebrou nos Ánxeles (California).

O galardón obtido no Animation is Film é o segundo recoñecemento que recibe a longametraxe en solo estadounidense nos últimos meses, tras conseguir unha mención especial na súa estrea mundial o pasado setembro no Fantastic Fest de Austin (Texas), un dos festivais do xénero máis importantes a nivel internacional. Tras o seu paso polo recoñecido festival, que supuxo a súa estrea a nivel mundial, o proxecto fixo parada en Ottawa (Cánada), no recentemente finalizado Festival de Sitges (Barcelona) –onde tivo lugar a première española do filme, que foi, ademais, a única película de animación en competición– ou por último no BFI, o London Film Festival.

Fotograma del largometraje ‘Decorado’, obra de Alberto Vázquez

Fotograma da longametraxe ‘Decorado’, obra de Alberto Vázquez / Cedida

Agora, tras percorrer o mundo e con dous grandes recoñecementos baixo o brazo, esta fábula escura e hipnótica sobre o control social, a fraxilidade das nosas certezas ou o artificio da vida chega este venres aos cines, onde se espera unha moi boa acollida tras o seu gran percorrido este último mes polos festivais e certames do sector.

Surrealismo e humor negro

Decorado, un filme que combina sátira, surrealismo e humor negro, cun enfoque mordaz sobre a existencia humana, ten como protagonista a Arnold, un rato de mediana idade aparentemente corrente que comeza a sospeitar que todo ao seu arredor –o seu traballo, a súa parella, a súa cidade...– forma parte dunha xigantesca farsa. O que ao comezo parece unha paranoia cotiá convértese co tempo nunha fuxida desesperada cara a algo que se pareza, aínda que sexa un pouco, á liberdade.

Gañador de catro Premios Goya –compartindo coa directora ferrolana Chelo Loureiro (Valentina, To bird or not to bird) o cetro de galego con máis Premios Goya–, Alberto Vázquez conta cunha dilatada e recoñecida carreira como director de cine e ilustrador, obtendo máis dun centenar de premios internacionais en festivais. Precisamente, Decorado provén dunha destas obras premiadas, a curta homónima coa que Alberto Vázquez gañou no 2017 o Goya a ‘Mellor curtametraxe de animación’. Sen embargo, a pesar de ser unha inspiración e ter cousas en común, o cineasta coruñés sinalaba recentemente nunha entrevista con Faro de Vigo, do mesmo grupo editorial que EL CORREO GALLEGO, que «utilizo a curta para chegar para chegar a outra cousa», cunhas narrativas, temáticas e personaxes diferentes.

O director e ilustrador galego Alberto Vázquez

O director e ilustrador galego Alberto Vázquez / Cedida

Esta coprodución galega, vasca, estremeña e portuguesa, como el mesmo a describe, foi coescrita polo propio ilustrador coruñés e Francesc Xavier Manuel e está producida por Abano Producións, Uniko, The Glow, María y Arnold A.I.E e Sardinha Em Lata, ademais de contar co respaldo da TVG, RTVE, ETB, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Biscaia.

Tracking Pixel Contents