Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Roberto Vilar Presentador e humorista

“Para min, o ‘Land Rober’ é coma un fillo do que estou moi orgulloso”

Tras 16 anos sendo un programa semanal, ‘Land Rober +Show’ transfórmase nun espazo diario no ‘access prime time’ da TVG a partir deste luns 10 ás 21.45 horas. O seu presentador desvélanos como será este cambio

Roberto Vilar: “Para min, o ‘Land Rober’ é coma un fillo do que estou moi orgulloso”

Roi Prieto Maceira

Santiago

“O futuro é todo o que queda. A min quédame todo realmente”. Parecen as palabras dun filósofo pero, lonxe da realidade, foi a forma coa que se despediu a derradeira vez que o entrevistamos en EL CORREO GALLEGO con motivo da súa celebración por cumprir 30 anos na televisión. Dende logo que aínda lle queda moito por facer e máis show que achegar con este novo formato... 

Hostia, debía estar fodido ese día (ri). Cando dixen iso non contaba eu que pasara todo isto. Para nos, o equipo de Land Rober, é unha revolución. É un programa que levamos 16 anos facendo, un programa á semana, 40 programas ao ano... Estamos desfrutando moito, é un gran reto, pero é moi moi bonito. A verdade é que tiña razón eu, o que queda é todo, e nunca sabes o que pode pasar.

Vén de facer o xoves o último Land Rober “á vella usanza”, semanal. Que sinte pechando esta etapa? 

Ao final o sentimento que máis queda é o de responsabilidade. Tamén de emoción e agradecemento, pero a responsabilidade é a de entrar na casa dos galegos e galegas catro días á semana durante unha hora e tentar que se divirtan, que se rían e se esquezan de problemas. Para os que facemos comedia é unha responsabilidade, e hai que convivir con ela e gozar dela. Ao final somos cómicos e queremos que lle guste á xente o que facemos. Estás todos os días intentando facelo o mellor posible, pero tes que desfrutar, se non o desfrutas non merece a pena, non vale.

Que sentiu no momento en que soubo que a TVG quería apostar por vostede para facer fronte cun programa de humor a espazos como La Revuelta o El Hormiguero? 

Moi agradecido, tanto á TVG coma aos espectadores, que son os verdadeiros protagonistas. Para min é como un premio, é un programa que leva 16 anos en pantalla e que pase a ser diario, a ser un dos programas principais da canle, que xa o era... É un premio, estamos agradecidos e felices, como se nos tocase a lotería. Agora vén o de poñerse a traballar, de facelo o mellor posible... E tamén estou moi agradecido á canle, que fai unha aposta a medio largo prazo, porque sabe que vai ser difícil de inicio porque é unha franxa moi competida, na que hai produtos moi bos, como son El Hormiguero, La Revuelta ou o propio First Dates, feitos con moito talento, e nós temos que competir aí. Eu síntome moi orgulloso do meu equipo e dos meus espectadores, de que vamos competir coas nosas armas no sitio máis difícil. Pero Galicia é un país distinto, xa o dicía Antón Reixa, e iso é o que non teñen os demais.

Roberto Vilar no plató do novo 'Land Rober +Show'

Roberto Vilar no plató do novo 'Land Rober +Show' / Jesús Prieto

Tivo claro que a fórmula tiña que ser a do Land Rober? 

O Land Rober leva 16 anos, fixemos de todo, e ten unha audiencia moi fiel, e se é fiel é porque lle gusta o que facemos, entón non o podemos abandonar. Ten que estar Eva Iglesias, que é unha das mellores comediantes de España, pouca xente a fai como ela. Entón temos que coñecer os nosos valores principais, que son o país, o idioma, Eva, facer sketches, comunicarnos e facer a comedia coma nós sabemos facela. Facer o que levamos feito sempre, pero agora temos máis tempo e podemos explorar outros territorios, facer máis cousas, de aí que se chame Land Rober + Show, porque mellora non só en cantidade, senón en cantidade. Haberá un colaborador distinto cada día para que o programa sexa máis variado, buscar outros territorios, que é o que nos marcan outros programas como o de David Broncano ou El Hormiguero

Xusto falando de Broncano, paréceme brutal que anunciase o programa cun dos seus competidores. Como se xestou esta promoción? 

Eu teño moi boa relación tanto con David Broncano coma con Pablo Motos, coñecémonos todos e respectámonos, e creo que nos admiramos, porque sabemos o difícil que é botar anos na televisión. Con David, fun un día a velo a La Revuelta, el non sabía que estaba, e espereino na saída e estiven falando con el, propúxenlle gravar a promo, e el encantado, é un amor. E con Pablo imos facelo tamén, pero aínda non atopamos a data. O Land Rober para eles non é unha competencia, porque estamos só en Galicia, e competencia en si tampouco, hai tanta oferta que todo o mundo intenta facer o mellor que pode, xa non é tanto pelexar por unha décima de audiencia ou non. 

Novo programa, novo nome... Entendo que Land Rober +Show virá cheo de moitas novidades...

Esa é a idea, hoxe a televisión non está tan encorsetada como antigamente. Ao mellor tes pensado facer unha cousa, pero mañá queres cambiala, e o público quere que o cambies, que os programas estean vivos. Iso e algo que abriu moi ben Broncano, que todo estea vivo e sexa dinámico. Nos xogamos moito co erro, cos erros que cometemos, e intentamos que xoguen a favor noso, entón o programa vai estar moi aberto a iso, e tamén moi atento á actualidade.

Algo que fai moito Broncano é o contacto co público de plató, que tamén é típico do Land Rober

Nós en público somos os mellores, aí si que non teño problema en dicilo. Coa xente, os invitados, sobre todo os de fóra de Galicia, cando veñen aquí... eu estiven en moitos platós de España e nunca vin nada parecido, é un público brutal, é o noso gran valor, o que nos fai dar a min, a Eva, a Roi e a todos o 150%.

Este novo Land Rober poderemos velo xa este luns. Será cun programa ao grande? 

Que boa pregunta, eh? Oxalá cha puidera contestar (ri). Nos nunca fomos moito de contar, pero este ano queremos que o espectador poña o Land Rober sen saber nada, que as cousas vaian sorprendendo e o poida desfrutar, entón non estamos contando nada. Nin de colaboradores, de invitados, de que vai cambiar ou pasar... 

Nervioso pola chegada do gran día? 

Si, claro, estás nervioso porque o meu traballo consiste en gustar, e cando queres gustar a alguén estás nervioso, e agora vouno ter que facer catro días á semana. Son moitos nervios, pero estou moi feliz, e o luns ás 21.45 da noite vai ser moi especial, porque para min o Land Rober é coma un fillo, que tiven no ano 2009 e do que estou moi orgulloso. 

Ese fillo pronto cumprirá a maioría de idade 

Si, en 2027 cumprirá 18 anos. Aínda que agora a maioría de idade creo que está polos 15 ou 16, polo que vexo de noite (ri). 

Non lle teme o directo? Aínda que xa ten experiencia co Quen Anda Aí? e Land Rober, agora é catro veces á semana... 

Non sabemos o que vai pasar, porque nós realmente intentamos facer comedia, e facelo catro días seguidos, catro horas á semana... é ambicioso, aí xa me asustaches. Pero é o que nos gusta, eu persoalmente o que amo é isto, e vou ter máis. Para min estar diante da pantalla, no plató, en directo... é unha felicidade máxima. Non é traballo, é o contrario, pero detrás de todo iso hai moitas horas, e é o máis complexo, porque ademais de presentar, dirixo e produzo o programa, que é a faceta máis dura realmente, o resto é diversión.

Roberto Vilar, no plató do 'Land Rober +Show'

Roberto Vilar, no plató do 'Land Rober +Show' / Jesús Prieto

Non me estrana tendo compañeiros coma Eva Iglesias e Roi Méndez... como se están adaptando a esta nova etapa? 

A min o que me fai moi feliz é ver a todo o mundo moi ilusionado, a propia Eva Iglesias, que leva moitos anos aquí e que o programa xa é dela, porque o público quérelle como eu nunca vin querer a ninguén nun plató de televisión. Iso é algo que me fai especialmente feliz, e ela está moi ilusionada e o resto do equipo igual, o que me encanta. 

Antes quedeime cunha pregunta na lingua... a que lle teme Roberto Vilar? 

Eu vivo en procesos de non ter medo, porque dende hai anos dinme conta de que o gran problema do ser humano é o medo. De estar solo, de estar acompañado, de estar fóra, de estar dentro... entón vivo permanentemente nun proceso de non ter medo. Agora mesmo só teño medo de que lle pase algo á xente que quero, ao resto non se lle pode chamar medo. 

Cre que estará á altura das expectativas tendo en conta os bos datos do Land Rober ata o momento nas noites dos xoves? 

Eu teño a completa seguridade de que o programa vai estar mellor. Iso non significa que funcione mellor, pero de que vai ser un programa mellor seguro, porque vai durar a metade, e a comedia canto menos dure, mellor. E despois todo o novo que estamos aportando... Agora, que funcione ou non? Evidentemente non sei, porque na tele ninguén sabe, non só depende de ti. Eu o que quero e que o programa o vexa a suficiente xente como para que teña sentido o noso traballo e a inversión da canle, que é unha televisión pública, de todos os galegos e as galegas. 

Tracking Pixel Contents