Terelu Campos: «O primeiro pregón que dei na miña vida foi en Ortigueira»
A presentadora, co fisterrán Eddy Insua como anfitrión, visita Mañón, Cariño e Ortigueira | Xoga ao tute, vaise de cuncas e namorase de Ortegal: «Parece que estamos noutro planeta»

Terelu e Eddy collen ostras en Mañón / TVG
A Televisión de Galicia (TVG) viaxa hoxe ás 22.50 horas á comarca de Ortegal nunha nova entrega de A miña gran cidade: Corazón Galego, coa presentadora Terelu Campos como convidada e co fisterrán Eddy Insua como anfitrión. A malagueña lánzase a vivir varias experiencias entre Mañón, Cariño e Ortigueira co obxectivo de conquistar o seu carné de corazón galego da man «do guapísimo de Gran Hermano», como lle di ela a Eddy.
A primeira parada é Mañón, na ría do Barqueiro, onde se estrean como mariscadores. Eddy advírtea antes de chegaren á praia: «Vés moi guapa, pero non é a indumentaria perfecta para o que imos facer», e tráelle unhas botas para baixar á area. A imaxe das rochas cheas de ostra rizada déixaa abraiada: «É unha cousa espectacular, parece que estamos noutro planeta».
Coa mariscadora Cristina como mestra, aprenden a diferenciar as ostras nais das fillas, a golpealas para desprendelas da pedra e a valorar o esforzo que hai detrás de cada ostra apañada. «Cando comades unha ostriña, pensade no traballo que ten», di Terelu coas súas luvas e coitelo en man.
A segunda experiencia lévaos á taberna Relojes, en Mañón, territorio sagrado de barra, cuncas e contos. Eddy explícalle que os galegos temos «ese sentimento de pertenza, de dicir, vou á taberna, sen facer falta dicir a cal vas». Sorprende ver unha personaxe como Terelu Campos nese escenario tan de país, pero os prexuízos disípanse ao pouco. Esther, a rexente da tasca, recíbea cun sorriso: «Aquí sabemos os contos todos!». E a malagueña recoñece que está moi a gusto: «Son moi de barra, de ter o cóbado aí apoiado e estar de charla», admite, engadindo que tamén é «moi do viño galego».
A aventura continúa polo Ortegal e desprázanse de Mañón a Ortigueira. Entre unha parada e outra, a furgoneta convértese nun confesionario. Eddy pregúntalle pola vida sentimental e ela responde con honestidade que leva unha década sen parella e está ben así. «Eu con pena non vou morrer, podes quedar tranquilo», di, con humor e determinación.
A terceira parada é no teatro da Beneficencia, en Ortigueira. Sentan na primeira fila diante dun pano pechado e, cando soa a música e se abre, descóbrese a Escola de Gaitas de Ortigueira, a primeira banda oficial de gaitas de Galicia. Terelu queda cautivada: «Que bonita, por favor, que música tan bonita». Eddy non lle deixa tempo a acomodarse: «Agora tócache a ti». Ela, entre incrédula e asustada, protesta: «Pero como vou tocar eu a gaita se iso é dificilísimo?». Estefanía, gaiteira veterana, explícalle a historia da Escola e do Festival de Ortigueira mentres Terelu lembra con emoción: «O primeiro pregón que dei na miña vida foi en Ortigueira. Non volvín dende hai 30 anos!». Como «as gaitas son como as parellas e non se comparten», propóñenlle empezar pola pandeireta. O ritmo non lle sae como ela quixer, e rise de si mesma: «A xente pensa que a pandeireta é calquera parvada…».
Aínda lle quedan por diante máis probas para gañar definitivamente o seu carné de corazón galego: aprender coas redeiras de Cariño, cociñar un lumbrigante no restaurante Marea ou espantar malos espíritos cunha boa queimada. Se o consegue ou non, verase máis adiante; polo de agora, o que está claro é que en Ortegal deu xa os primeiros pasos serios para galeguizar o seu corazón.
- Apagón en Santiago: una avería deja sin luz a 2.700 vecinos de Santiago
- Chisco Lema, veterinario experto en lobo: 'Hay manadas especializadas en cazar perros
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- Evitas el estrés del aparcamiento': el proyecto de dos vecinos de Milladoiro para compartir coche en los trayectos a Santiago
- Susto en la urbanización teense de Augas Mansas por un vecino atrincherado en casa
- La patronal acepta la mediación pero de momento la huelga de buses se mantiene en Santiago
- Borrasca 'Ingrid': ¿Nevará en Santiago de Compostela este viernes?