Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«A miña gran cidade», esta noite, ás 21.50 horas na TVG

Elena Furiase, rendida á ría de Aldán de Teresa Portela: «É unha marabilla»

A convidada rememora anécdotas con Serrat, Paco de Lucía, Alejandro Sanz ou Manu Tenorio | “Ser neta de Lola Flores axuda, pero che esixen máis”

A actriz Elena Furiase, convidada hoxe de «A miña gran cidade», e a olímpica Teresa Portela.

A actriz Elena Furiase, convidada hoxe de «A miña gran cidade», e a olímpica Teresa Portela. / TVG

R. V.

Vigo

«A miña gran cidade» chega hoxe (21.50 horas, TVG) a Cangas, na comarca do Morrazo, cun novo reto: Teresa Portela debe convencer a Elena Furiase de quedar na vila en menos dunha hora. «Para min é un pracer ensinar a miña vila», di a olímpica, que o ten claro: «O que máis podo ensinar é dende o mar». Unha vez que descobre que a súa convidada sorpresa é Elena Furiase, confesa que lle fai «moita ilusión», xa que a súa filla é unha gran fan da familia Flores. A conexión entre ambas xorde dende o primeiro minuto.

A primeira experiencia arrinca na Cangas vella, un percorrido ao carón da guía Patricia Novas pola zona histórica que para Portela é un regreso directo á infancia. No camiño fan parada no emblemático Reloxo, punto de encontro da vila, que de reloxo ten pouco: é unha estación meteorolóxica mandada construír en 1907 polo capitán do porto. «Estou descubríndoo agora», recoñece Teresa entre risas, lembrando que, como tantos cangueses, alí quedaba de pequena coas súas amizades.

Furiase queda fascinada co pasado da vila, coas casas de patín e coa vida mariñeira. «Sempre vemos estas cousas en películas, en libros… pero pasou», reflexiona. «Esta xeración non chegou e o inventou todo, que somos tan tecnolóxicos e non», di, poñendo en valor a historia.

«Meu pai tiña unha lanchiña»

Falando do seu vencello co mar, Portela ábrese: «Meu pai tiña unha lanchiña. O meu verán era ir á praia coas amigas». Para ela, esta primeira experiencia é moito máis ca un paseo, é «revivir a infancia».

A conversa deriva cara á familia. Teresa lembra que a súa avoa arranxaba redes para os mariñeiros. «A miña avoa non facía redes, pero facía outras cousas», responde Elena con retranca. A actriz confesa que medrar nunha familia tan coñecida como a súa trae luces e sombras: ser neta de Lola Flores, «a avoa de todas as nenas de España», como lle di Teresa, axuda a «que te coñezan máis», pero tamén a «que che esixan e te comparen máis».

A segunda parada lévaas a un clásico: o Furancho de Mauricio, unha casa con 38 anos de historia. Xa na porta, Elena lanza a sospeita: «Tráesme a emborracharme para me convencer!». Dentro, proban viño da casa, tortilla, pementos e empanada de zamburiñas.

O choque chega coa cunca de viño. As cantidades deixan á madrileña abraiada. «Pero isto é como de Astérix e Obélix», protesta con humor ante «o caldeiro» que lle serven. O certo é que a cunca, de grandes dimensións, vai a rebordar de forma xenerosa. Nun aparte á cámara confesa sen rodeos: «O da cunca de viño matoume, non vira iso na vida».

A experiencia remata cun brinde por Galicia, música tradicional da agrupación de pandeireteiras de María Soliña e unha Elena xa entregada: «Unha familia entrañable, adorable, a tortilla estaba boísima» Tanto, que acaba pedindo un aplauso para o cociñeiro. «Quedaba aí toda a tarde, se vos digo a verdade», admite a madrileña, aínda que o reloxo apremia.

Unha infancia rodeada de xente famosa

No traxecto na furgoneta do programa cara á seguinte experiencia, Elena fala da súa infancia rodeada de xente famosa. Para ela, medrar así era simplemente «a normalidade». Conta anécdotas sorprendentes: dende Joan Manuel Serrat aparecendo na casa e tratándoa «como se fose a súa neniña», ata comidas en Miami con Alejandro Sanz e Paco de Lucía, ou aquela vez que, en pixama, se atopou con Manu Tenorio na cociña. «Intento ter a compostura e que non se note que estou alucinando», confesa.

Xa na ría de Aldán, Teresa emociónase: «Isto era necesario, aquí é onde nacín e onde me criei». Elena queda cativada: «A ría de Aldán é unha marabilla, dá paz».

No restaurante Awen, entre vieiras e ensalada, falan da conciliación. Teresa lembra o momento no que foi nai con 31 anos e decidiu non renunciar á súa carreira. Elena vese reflectida. Como actriz, a flexibilidade tamén implica xornadas maratonianas: «Creo na crianza colectiva, as nais e os pais debemos estar unidos e apoiarnos», di.

A cuarta experiencia é a máis esperada por Teresa e a máis temida por Elena: saír nunha piragüa pola ría. Portela saca peito: «En Cangas hai 10 medallas olímpicas, non é normal para unha vila de 25.000 habitantes». Finalmente, Elena e Teresa desfrutan dun paseo tranquilo pola ría.

Tracking Pixel Contents