Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Con motivo do Día Internacional da Muller

A TVG impulsa con estreas o debate pola igualdade na semana do 8-M

Ofrece contidos de ficción, documentais e entrevistas sobre feminismo co obxectivo de crear un espazo estable para a reflexión e o diálogo

Tamén poderán verse na G2 e AGalega.gal

Fotograma da multipremiada película ‘O corno’, que poderá verse na noite do xoves na TVG.

Fotograma da multipremiada película ‘O corno’, que poderá verse na noite do xoves na TVG. / Cedida

Rodrigo Paz

Rodrigo Paz

Santiago

A Televisión de Galicia (TVG) busca impulsar, na semana da celebración do 8-M (Día Internacional da Muller), o debate pola igualdade. Con este fin, a canle autonómica e o resto dos medios públicos galegos —a G2, segunda canle da TVG, e a plataforma de streaming AGalega.gal— propoñen unha intensa programación de contidos informativos e de entretemento arredor da igualdade.

Así, durante toda a semana, os magazines O Termómetro, Quen Anda Aí? e Hora Galega darán voz a cuestións como o feminismo entre a mocidade, o papel da muller no ámbito laboral ou a violencia de xénero, ademais da visibilización de referentes femininos.

Miniseries na G2

Así mesmo, o prime time da G2 emitirá ata o xoves —tras publicar o pasado luns Sofía Casanova, a obreira do pensamento, miniserie sobre a traxectoria da que foi a primeira muller española correspondente internacional e voz informativa das dúas Guerras Mundiais e da Revolución rusa— Dalia, a modista, miniserie galega que mestura intriga, amor e superación persoal durante a posguerra nun contexto de fortes diferenzas sociais.

A grella completarase con Historias a pé de páxina, programa que contará esta semana con protagonismo feminino, e cunha selección de programas de entrevistas como Elas, Din que non falan, En feminino singular e Galegos.

Xa o sábado programarase a miniserie documental Hitler, Garbo... e Araceli e o domingo estrearase o filme O soño da sultana, primeira longametraxe europea de animación en formar parte da Sección Oficial do Festival de Cine de San Sebastián.

Cinema na TVG

Pero si hai unha estrea que destaque por riba do resto é a emisión durante a noite do xoves, na primeira canle da TVG, da multipremiada película da cineasta Jaione Camborda O corno, gañadora o pasado 2023 da Cuncha de Ouro no Festival de Cine de San Sebastián.

Xa o venres, despois do Luar, será o turno de Tratamos demasiado ben as mulleres, comedia dramática que cuestiona, a través da sátira e do humor ácido, os roles tradicionais e os estereotipos de xénero. Os dous filmes tamén poderán verse, tras a súa emisión, na plataforma de streaming AGalega.gal, a cal creou unha sección para reunir todas estas estreas ademais dunha coidada selección de títulos relacionados coa igualdade.

Tracking Pixel Contents