Entrevista | Noelia Rey Presentadora de «A Grande escolla»
«Dá igual o que busques, en Galicia vas atopar o mellor»
Manuel Díaz «El Cordobés» abre a lista de convidados, entre os que figuran Carmen Lomana, Bibiana Fernández, Patxi Salinas, Rubén Cortada, Al Bano e María José Campanario
«Quedan fascinados polo talento e a calidade dos productos que temos na nosa terra»

R. V.
A Televisión de Galicia (TVG) estrea o vindeiro martes, ás 22.50 horas, o seu novo programa A grande escolla, polo que desfilarán famosos dos máis diversos ámbitos que quedarán fascinados polo talento e os produtos de calidade que temos na nosa terra. O primeiro convidado é Manuel Díaz o Cordobés, que vén ao país para escoller un tractor para a súa leira. Algo que a priori semella doado resulta nun divertido formato cheo de humor, divulgación e moitas dúbidas. Noelia Rey é a súa presentadora.
En que consiste o programa A grande escolla?
Os famosos saben que en Galicia hai unha maneira de facer as cousas moi especial, moi ligada ao artesanal, ao oficio, ao mimo polo detalle… e buscan precisamente iso. Eles buscan un produto e nós o que facemos é poñerlles diante tres opcións de altísimo nivel, tres propostas diferentes entre si que representan o mellor que temos. E aí está o xogo: cando todo é tan bo, decidir faise moi complicado. Pero, como di o nome do programa, ao final hai que escoller (risas).
Que veñen buscando os famosos?
De todo, pero sempre hai algo en común: buscan calidade e autenticidade! Coches clásicos, casas, escapadas de fin de semana, vaixelas feitas a man, vestidos de gala, vacas, colares de luxo, tractores, viños, rabaños… Realmente o que buscan é ese saber facer galego, o oficio e a paixón que deixamos marcada no que facemos. Ao final, todos queren levar un anaquiño de Galicia con eles.
A quen veremos polo programa?
Aínda non podemos desvelar todos os protagonistas, pero hai perfís de todo tipo. Dende deportistas como Patxi Salinas ou Fonsi Nieto ata perfís máis sociais como Carmen Lomana, Bibiana Fernández, o actor Rubén Cortada, o cantante Al Bano, a empresaria María José Campanario ou o toureiro o Cordobés, que é con quen estreamos na busca do seu tractor ideal.
Para que quere o Cordobés un tractor?
Eu preguntábame o mesmo (risas). El sabe conducir tractores, de feito, acabará probando o do gañador! Ten unha leira moi ampla onde fan sementeira e precisaba un. Como Galicia é unha potencia nisto dos tractores a nivel europeo, decidiu vir aquí para asesorarse e nós ofrecémoslle tres modelos de marcas moi coñecidas polos galegos. Deféndenas tres comerciais con moita experiencia e moita retranca que poñen ao Cordobés en máis dun compromiso…
Veremos algún «tesouro oculto» de Galicia?
Hai tesouros en cada recuncho. Moitas veces están a plena vista. Unha rubia galega é unha vaca admirada en todo o mundo que pode superar os 20.000 euros. E temos artesáns de alto nivel. Veremos pratos feitos a man recreando petróglifos do país e roupa de gala elaborada con encaixe de Camariñas e acibeche. Ata veremos un colar de luxo feito por xoieiros coruñeses de cinco rubíes e máis de 400 diamantes valorado en 150.000 euros. O programa ofrece un equilibrio entre tradición e vangarda, sempre poñendo en valor a excelencia do que temos aquí.
Pero tamén hai produtos de fóra?
Si, en Galicia non só sabemos facer, tamén sabemos peneirar. Teñen o noso «selo de calidade» (risas). No episodio de coches clásicos conseguimos un Rosengart de 1939, un modelo único no mundo, e unha réplica espectacular dun Cobra dos 50.
Quen foi o negociador máis duro?
Todos teñen o seu. Carmen Lomana e Bibiana Fernández foron moi esixentes. Máis relaxado foi Patxi Salinas. Pero houbo un episodio en que unha persoa convidada estaba tan indecisa que rompeu o formato e escolleu as tres opcións sen réplica. A cara dos participantes e do equipo foi un poema (risas). Pero ao final son estas cousas as que fan ver que o programa está vivo.
Como se consegue que os famosos se esquezan das cámaras?
En xeral entran todos no xogo moi rápido. É un tema do que saben ou teñen moito interese e as propostas son sempre atractivas. Non é só ver un produto, é coñecer a persoa que está detrás e a súa historia. Apréndese moito dende o minuto un e os famosos sempre quedan fascinados co que temos en Galicia.
É un programa de entretemento cunha parte divulgativa.
Totalmente! Os participantes ensínannos dende o proceso da porcelana de alta temperatura ao coidado da vaca frisoa, pasando pola posta a punto dun coche clásico ou o tallado de diamantes, entre moitas cousas! Nunca esperaría aprender sobre denominacións de orixe de viño galego canda Al Bano, a verdade (risas).
Pareces unha embaixadora da «marca Galicia».
É a esencia do programa, sacar peito do talento e a calidade que temos na nosa terra. Pero tras gravar moitos episodios, podo asegurar que non fai falta moito marketing, Galicia véndese soa. Dá igual o que busques, aquí vas atopar o mellor.
Tan difícil é escoller?
Moitísimo! Porque non estás elixindo entre algo bo e algo malo, son tres opcións excelentes. Teñen moito traballo detrás, moito agarimo e moita historia en cada proposta. E cando tes a tres persoas diante defendendo o seu con paixón, sempre custa dicir que non.
Cal é a receita dunha grande escolla?
Ir sen prexuízos, intentar analizar toda a información que nos dan e, sobre todo, ter moi claro que é o que buscamos. Antes de empezar o proceso, pararnos a pensar que vai pesar máis: o prezo, a aparencia, a calidade ou o factor emocional detrás? A clave do éxito está en vir coas ideas claras. Como na vida mesma (risas). Aínda que sobre o papel todo parece moi doado.
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- El ascensor que vuelve a poner a Santiago en la élite de la arquitectura mundial
- Luz verde al nuevo barrio de Mallou: la Xunta impulsa el suelo para 3.600 viviendas en el norte de Santiago
- De Arzúa a 'La Isla de las tentaciones': esta es la nueva pareja que se une al popular 'reality' de Mediaset
- Santiago se queda sin aeropuerto 35 días: fechas, motivos, alternativas y el impacto económico
- Un popular influencer gastronómico se rinde a un restaurante 'de pueblo' a media hora de Santiago: 'Va a ir a tu lista
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Un autobús atascado colapsa el tráfico en el periférico de Santiago durante más de dos horas