Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Programación especial

A Televisión de Galicia céntrase na Semana Santa

Emitirá en directo as procesións de Ferrol, Viveiro e Fisterra

Tamén estreará series e filmes de temática bíblica

Fotograma de ‘Os elixidos’, serie que estrea este xoves a Televisión de Galicia (TVG).

Fotograma de ‘Os elixidos’, serie que estrea este xoves a Televisión de Galicia (TVG). / TVG

Rodrigo Paz

Rodrigo Paz

Santiago

A Televisión de Galicia (TVG) centra a súa programación na Semana Santa e faino coa estrea da serie Os elixidos. Unha produción de éxito internacional baseada na vida de Xesús de Nazaret cuxa primeira temporada de oito episodios se emitirá ao longo de catro tardes seguidas desde este Xoves Santo.

Todo un fenómeno global, dispoñible en máis de 175 países, que xa supera os 600 millóns de visualizacións en todo o mundo. Non por nada esta creación do cineasta estadounidense Dallas Jenkins protagonizada por Jonathan Roumie foi recoñecida como a produción de streaming máis traducida da historia, a máis de 50 idiomas. Agora, este drama histórico que ofrece unha visión próxima e humana da figura de Xesús a través das persoas que o coñeceron poderá verse na TVG en galego e, unha vez emitida toda a primeira entrega, na plataforma de streaming AGalega.gal.

Procesións de Semana Santa desde Ferrol, Viveiro e Fisterra

Os elixidos é a gran aposta da corporación autonómica para unha Semana Santa na que as procesións serán, un ano máis, un dos eixes centrais da programación especial da TVG para estas datas.

Así, este xoves, ás 23.00 horas, a canle principal da Televisión de Galicia conectará con Ferrol para vivir a Procesión Nocturna do Cristo da Misericordia, unha das máis solemnes e multitudinarias —participan máis de 1.800 confrades da Confraría das Dores— da cidade ferrolá.

Este venres, poderase seguir en directo, ás 11.30 horas, tamén desde Ferrol, a Procesión do Santo Encontro. Declarada Festa de Interese Turístico Internacional, esta cita, caracterizada polo seu ambiente de recollemento, adoita reunir a preto de 10.000 persoas cada ano cando os pasos de Xesús Nazareno e de San Xoán, Verónica e a Virxe das Dores se encontran na praza de Armas de Ferrol.

Durante a madrugada do propio Venres Santo, ás 00.30 horas, a audiencia tamén terá a ocasión de vivir a Procesión dos Caladiños desde Viveiro, unha das máis singulares de Galicia, marcada polo silencio, que sairá da igrexa de San Francisco e concluirá na mesma cun canto popular da Salve.

A programación de procesións completarase co Domingo de Resurrección, ás 11.30 horas, desde Fisterra. Declarada de Interese Turístico de Galicia, destaca pola súa escenificación vivinte e por amosar a chegada das mulleres ao sepulcro e o anuncio do anxo ante a igrexa de Santa María das Areas.

Ademais das retransmisións e da programación especial, os espazos en directo da TVG continuarán durante estas datas ofrecendo unha cobertura dos principais actos que se celebren en Galicia, achegando á audiencia todo o ambiente e a actualidade da Semana Santa desde distintos puntos da comunidade.

Cinema de estrea durante a Semana Santa na TVG

Por outra parte, a canle principal do ente autonómico prevé estreas de cinema de temática bíblica con títulos xa clásicos do xénero. Entre eles, Sansón e Dalila, que adapta o relato bíblico do lendario heroe hebreo; Barrabás, superprodución centrada na figura do preso indultado por Poncio Pilatos no lugar de Xesús; e Espartaco, a coñecida historia épica sobre a rebelión de escravos fronte ao Imperio romano dirixida por Stanley Kubrick e protagonizada por Kirk Douglas.

Tracking Pixel Contents