Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia

A CSAG consolídase como motor da industria audiovisual en Galicia

A directora xeral, Concepción Pombo, presenta no Parlamento a ‘Memoria de Servizo Público’, que conclúe que a corporación é unha organización sólida e adaptada aos desafíos da próxima década

A directora xeral da CSAG, Concepción Pombo, no Parlamento de Galicia.

A directora xeral da CSAG, Concepción Pombo, no Parlamento de Galicia. / Xoán Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) —antiga CRTVG— presentou este martes, na Comisión Permanente de Control do Parlamento de Galicia, a Memoria de Servizo Público correspondente ao exercicio 2025, documento que reflicte a consolidación da transformación da CRTVG na CSAG, como un ecosistema audiovisual público adaptado ao consumo multimedia, ás novas tecnoloxías e aos cambios nos hábitos da cidadanía.

A memoria recolle un exercicio marcado pola entrada en vigor da Lei 1/2025 de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital e pola constitución da nova CSAG, un cambio que, en verbas da directora xeral, Concepción Pombo, «vai máis alá da denominación institucional e que responde á evolución do servizo público audiovisual cara a un modelo integrado, capaz de producir, distribuír e medir contidos en todas as plataformas relevantes para a sociedade galega».

A memoria destaca a modernización das infraestruturas e dos sistemas de produción e distribución. Entre os principais fitos de 2025 figura o lanzamento de TVG-UHD, primeira canle autonómica española en Ultra Alta Definición a través da TDT, xunto con proxectos de intelixencia artificial, subtitulado automático, sistemas de recomendación intelixente, tecnoloxías inmersivas XR e a análise avanzada de audiencias mediante plataformas como o DataHub de Konodrac.

Motor da industria audiovisual galega

O documento reafirma o papel da CSAG como principal dinamizadora da produción audiovisual en galego mediante a contratación de produción independente, coproducións e colaboración co tecido empresarial galego ao longo de 2025, favorecendo a creación de emprego cualificado, a innovación e a internacionalización do sector.

No ámbito económico e de xestión, a Corporación pechou o seu décimo sétimo exercicio consecutivo con superávit, mantén estabilizado o cadro de persoal e, tras completar os procesos de consolidación e regularizar as OPE, rexistrou o menor índice de litixiosidade laboral da última década.

Consolidación do liderado dixital

A memoria acredita tamén a consolidación da estratexia dixital da CSAG. No 2025, os contidos da Corporación superaron os 1.000 millóns de reproducións e os 48 millóns de interaccións nas redes sociais, situando a entidade entre os principais operadores públicos estatais no ámbito dixital. O 85% dos accesos prodúcense xa desde dispositivos móbiles e máis do 90% do consumo da OTT realízase en televisores conectados e HbbTV.

Pola súa parte, G24.gal consolidouse como a principal referencia informativa audiovisual en galego no ámbito dixital, con preto de dous millóns de usuarios, datos de récord que xa se viron superados polo crecemento exponencial do primeiro semestre de 2026.

Na presentación da memoria, a directora xeral tamén destacou a evolución da Radio Galega cara a un modelo de audio dixital baseado no podcast, no consumo baixo demanda e na distribución multimedia, e que a plataforma AGalegaAudio.gal ampliou a súa oferta de contidos especializados, reforzando a presenza do galego no ámbito dixital.

A Memoria de Servizo Público conclúe que a CSAG afronta esta nova etapa como unha organización sólida, saneada e adaptada aos desafíos da próxima década, mantendo como eixes a promoción da lingua galega, a innovación, a cohesión territorial e a prestación dun servizo público audiovisual de calidade.

Máis deporte galego en aberto

No ámbito deportivo, Pombo confirmou que se continúa traballando para ampliar a presenza do baloncesto galego na televisión pública. A CSAG —que xa confirmou que emitirá todos os partidos de fútbol de preparación para a campaña de Primeira División deste ano do Deportivo da Coruña e Celta de Vigo— mantén abertas negociacións coa ACB para explorar novas posibilidades de emisión de partidos dos tres equipos galegos durante a tempada 2026-2027, e anunciou que ten xa pechado, pendente da sinatura definitiva, un acordo coa Federación Española de Baloncesto para retransmitir un mínimo de 15 encontros da Liga Feminina Endesa, con participación dos equipos galegos.

A Corporación confirmou tamén a súa intención de continuar ofrecendo competicións europeas dos equipos galegos de baloncesto sempre que a dispoñibilidade dos dereitos audiovisuais o permita, e anunciou que retransmitirá novamente as finais da Copa Galicia masculina e feminina de baloncesto no mes de setembro.

Tracking Pixel Contents