Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
No ano 1992 comezou cunhas actividades ás que se foron sumando outras novas, ampliando así a oferta social, cultural e lúdico-educativa, dirixida á infancia e ás persoas maiores // As limitacións pola covid-19 alteran o día a día na entidade, aínda que os máis pequenos/as consiguen adaptarse

A Asociación Recreativa e Cultural os Tilos loita pola conciliación familiar, laboral e persoal

Son moitas as entidades que apostan pola conciliación, e unha delas é a Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos, en Teo. Comezou a súa andaina no 1992 a raíz da iniciativa dunhas familias que acababan de asentarse nunha urbanización dos Tilos. Nais e pais xuntáronse para poder levar a cabo algunha actividade e a medida que foi pasando o tempo, o conseguido foi evolucionando con amplitude de actividades e proxectos. Inicialmente as actividades da entidade estaban destinadas case na súa totalidade para infancia e había algunha dirixida á xente maior. No 2000, a Asociación dividiuse en dúas entidades: o Club San Francisco Teo no que se incorporou a oferta deportiva e por outra banda, a propia Asociación recreativa na que se agruparon os proxectos culturais e sociais.

Hoxe en día as aulas de conciliación reúnen un total de 50 nenos e nenas con idades entre os 3 e 12 anos. Por outra parte, hai un club de maiores nosque se realiza ximnasia de mantemento, talleres de memoria, baile, etc. Polo tema da actual crise sanitaria só hai 10-15 participantes. A maiores hai outras actividades para adultos como pode ser pilates e guitarra.

Cada actividade específica ten un profesional concreto para guiar aos alumnos/as, excepto nas aulas que son proxectos de conciliación nos que hai monitores e animadores. Na actualidade doce persoas conforman o persoal da Asociación.

Os socios pagan unha cuota familiar que son os fondos máis directos. A maiores, cada actividade ou proxecto ten un custo determinado. “Tamén temos un convenio co Concello de Teo e recibimos subvencións por parte do mesmo e da Deputación na liña de concilación e igualdade”, apunta Tatiana Santos, coordinadora dos campamentos e unha das encargadas da coordinación e xestión da entidade.

QUE SE OFRECE. As aulas de conciliación reclaman anualmente moita atención. En paralelo están os campamentos que se ofertan nos periodos non lectivos. “Van os dous na mesma liña. Realizamos actividades de tempo libre pero nós dámoslle unha volta ao tratarse de proxectos lúdico educativos”, explica Tatiana. Entre outros aspectos trabállase a educación en valores, a arte ou a igualdade.

No caso dos maiores cúbrense todo tipo de temáticas. “No obradoiro de memoria dedícase unha parte a falar de temas actuais que hai nos medios de comunicación, e por outra banda a falar e contar como se sinten estas persoas”, destaca. Deste xeito conséguese formar un ambiente familiar; algo que se viu afectado coa chegada do covid ao haber moitas barreiras que impiden o acercamento e contacto directo.

ADAPTACIÓN ANTE O COVID. As instalacións estiveron pechadas dende o 14 de marzo ata o 1 de xullo, coincidindo co inicio dos campamentos de verán. “Cando nos reincorporamos sabíamos que as familias querían traer aos seus fillos/as porque xa nolo preguntaban durante o confinamento. A nosa idea era facelos pero o problema eran as limitacións coas que se ían a desenvolver”, manifesta. Foi unha experiencia complexa porque requiriu moito esforzo e dedicación para poder sacalos adiante pero finalmente todo saiu ben. “Calquera actividade de ocio e tempo libre require de participación e interacción. Pensabamos que os rapaces o ían levar mal e déronnos unha lección ao mostrar a súa capacidade de adaptación”, di.

Ata que chegou a pandemia a Asociación fora en continua evolución. Dende os seus inicios no 92, fóronse incluíndo máis proxectos e actividades, lográndose máis obxectivos e contando cun maior alcance a nivel local e comarcal. “Tiñamos as redes socias como soporte para mostrar ás familias o que facían os rapaces e persoas maiores. Coa pandemia houbo que reinventarse e dinamizar ás familias a través das mesmas”, apunta.

Dende a Asociación recreativa e cultural os Tilos todo a está funcionar de xeito correcto grazas a implicación das familias e do equipo de profesionais. Sen embargo as limitacións comezan a desencadear certas problemáticas. “O feito de reducir os grupos e de dispoñer dun monitor para cinco rapaces fai que sexa complicado de soster”, asegura. Só queda esperar para ver como avanza a crise sanitaria e mentras tanto “toca seguir loitando para poder manter todas as propostas”.

26 nov 2020 / 10:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.