Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Baña programou un outono cargado de cine, teatro ou gastronomía

e a romaría Re-Volta!

A Baña. O mes de outubro vén cargado de propostas teatrais, gastronómicas, de narración oral, cine e obradoiros para a veciñanza da Baña, enmarcadas no programa Outono Cultural deseñado polo Concello para este último trimestre do ano. Regresan con forza citas como o Feirón e a romaría da Re-Volta!, o magosto ou a Festa dos Maiores. Pero tamén saídas culturais, que neste mes levarán á veciñanza da Baña que así o desexe ata Compostela para asistir ao teatro.

No eido formativo, o Outono Cultural propón un obradoiro de arranxos florais de outono que se impartirá en horario de 16.00 a 19.00 horas en distintos puntos do municipio. O primeiro tivo lugar este cinco de outubro no local social de Corneira. O día 19 desenvolverase no local de Lañas, o 22 en Troitosende e o 26 no de San Vicenzo.

O programa do Outono Cultural contempla dúas sesións de narración oral. A primeira terá lugar o día 14 ás 19.15 horas no auditorio municipal. Trátase de De cea cos defuntiños, con Iseo a Moura. Raquel Queizás collerá a testemuña o 18 con Nano vai á escola, no Punto de Atención á Infancia, ás 10.00 horas.

Ao longo deste mes A Baña terá tres citas importantes co mundo das tradicións, a gastronomía, a cultura e o ocio. O domingo 9, a carballeira de Ceilán volve aos anos 50 cunha nova edición do Feirón e a romaría da Re-Volta!

Ademais, haberá espectáculos e actuacións musicais. Ás 12.00 horas a cativada poderá desfrutar cos Xogos do Paporrubio. Despois, ás 16.00 horas, será o turno das Regueifeiras de Galicia, e ás 17.30 horas comezarán os contos ilustrados Polo correo do vento. O sábado 15 tocaralle desfrutar ás persoas maiores da Baña. O Concello programou para ese día a Festa dos Maiores, con xantar popular no polideportivo.

Gastronomía e cultura daranse a man o 29 nas Escolas Vellas co magosto e O Quitamedos, ás 18.00. Ademais, o auditorio municipal acollerá o día 28 ás 21.00 horas o pase da longametraxe Malencolía, de Alfonso Zarauza.

Todas as actividades son gratuítas, agás a saída prevista para o 19 de outubro en autobús ao Salón Teatro de Santiago para asistir á representación da obra Recortes, do Centro Dramático Galego. As persoas interesadas deberán pagar 6 euros. m. rendueles

06 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.