Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Duplica o investimento no programa PEL-Concellos para adicarlle seis millóns de euros, dos que máis da metade son para a área santiaguesa, O Barbanza e Costa da Morte // As contratacións primarán ós colectivos máis afectados polo paro TEXTO M. Boo

A Deputación aposta por crear 900 empregos nos municipios

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases do seu plan de creación de emprego nos municipios (PEL-Concellos), para 2021, que duplica o orzamento con respecto aos anos anteriores e chega ata os seis millóns de euros co obxectivo de crear preto de 900 empregos nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes. Máis da metade, un total de 3,5 millóns están destinados a municipios da área santiaguesa, do Barbanza e Costa da Morte.

Os importes da subvención a recibir polos concellos varía en función da porcentaxe de persoas desempregadas coas que conta cada municipio, oscilando as contías a percibir entre os 38.000 e os 104.000 euros, o dobre que este ano.

Coa súa asignación do PEL- Concellos, os municipios coruñeses poderán financiar os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación de novo persoal, ademais dos correspondentes aos cursos de formación en materia de riscos laborais que deban realizar as persoas contratadas segundo a lexislación laboral vixente.

Os operarios e operarias, que deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de vinte e cinco horas, realizarán labores como recollida e tratamento de residuos, limpeza de rúas, estradas e espazos públicos, melloras nos accesos aos núcleos de poboación e pavimentación de camiños ou mantemento e conservación de centros educativos. Os contratos poderán formalizarse entre o día 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.

A Deputación esixe como requisito nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a colectivos coma os maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao existente entre os homes.

Ademais, dentro destes colectivos, as administracións locais primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

No reparto, os 3,5 millóns da área santiaguesa, O Barbanza e Costa da Morte repártense como segue: Arzúa (74.000 euros), A Baña (68.000), Boqueixón (62.000), Brión (92.000), Dodro (62.000), Frades (50.000), Melide (92.000), Negreira (92.000), Ordes (104.000), Oroso (92.000), Padrón (104.000), O Pino (62.000), Rois (68.000), Santa Comba (98.000), Teo (104.000), Tordoia (50.000), Touro (62.000), Trazo (50.000), Val do Dubra (56.000), Vedra (62.000), Boiro (104.000), Carnota (68.000), Lousame (62.000), Mazaricos (62.000), Muros (92.000), Noia (104.000), Outes (74.000), A Pobra do Caramiñal (104.000), Porto do Son (92.000), Rianxo (104.000), Cabana de Bergantiños (74.000), Camariñas (86.000), Cee (104.000), Corcubión (50.000), Coristanco (98.000), Dumbría (68.000), Fisterra (86.000), A Laracha (104.000), Laxe (74.000), Malpica de Bergantiños (74.000), Muxía (74.000), Ponteceso (74.000), Vimianzo (92.000) e, finalmente, Zas (68.000).

O protagonista
“Ofrece unha oportunidade laboral a mil persoas”
Valentín González
Presidente da Deputación
da Coruña

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que se trata dunha medida extraordinaria para axudar a crear emprego e paliar as consecuencias da crise derivada da pandemia da COVID. “Con 6 millóns de euros de orzamento en 2021, PEL- Concellos é o maior programa de creación de emprego municipal impulsado por unha administración local en Galicia e ofrecerá unha oportunidade laboral a preto de mil persoas nun contexto social e económico tan difícil coma o actual”, afirmou o presidente.

González Formoso subliñou o “carácter social” do programa, que prima a contratación das persoas pertencentes a aqueles colectivos con maiores dificultades para atopar un emprego e remarcou que o persoal contratado contribuirá a mellorar os servizos públicos dos municipios.

O presidente sostivo que a creación de emprego e a protección social dos colectivos máis desfavorecidos serán os obxectivos principais do Goberno provincial en 2021, co obxectivo de “contribuír á reactivación económica sen deixar a ninguén atrás”.

Resulta destacable o “carácter social” destas axudas, xa que as persoas a contratar polos concellos deberán estar en situación de desemprego na data de inicio do proceso selectivo e valorarase que pertenzan a determinados colectivos con maiores dificultades para acceder a un emprego.

{ desde fóra }
Mil postos, mil sorrisos
Manuel Boo

un xa case se alegra só de imaxinar o rostro dalgunha desas mil persoas que van conseguir un posto de traballo nos tempos nos que se precisa máis que nunca ter un traballo. E ademais non é unha esmola. Con este programa actívase a contratación municipal polo que os beneficiarios dese posto de traballo cobrarán un soldo polo seu labor. Son mil postos, son mil sorrisos daqueles que xa case perderan a esperanza por ser deses colectivos rexeitados polos empresarios os dos maiores de 45 anos, ou os que están en risco de exclusión social, ou son mulleres, ou parados de longa duración. Son causas máis que xustificadas para que ese sorriso sexa máis amplo e máis sinceiro. E neso ten moito que ver a Deputación.

29 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.