Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Actuou a banda boqueixanesa no festexo de Lugo xunto a Arume, do concello de Boiro, e Os Viqueiras, de Ordes // As 16 agrupacións participantes fixeron varios pasarrúas para recibir aos turistas // Mantiveron a distancia TEXTO A. Prada

A Requinta de Xián encheu de música galega o San Froilán

A pasada fin de semana Lugo celebraba, a pesar da crise sanitaria, as festas grandes da cidade, e unha das máis destacadas de toda a comunidade: o San Froilán. Ata alí viaxou a agrupación boqueixanesa A Requinta de Xián que, sempre gardando as debidas distancias, interpretou o seu repertorio ullán con tres gaiteiros e tres requinteiros á vez, probablemente, dixeron os seus membros, a primeira vez que se fixo nun grupo da Requinta da Ulla.

Entre as pezas que tocaron contáronse a muiñeira do repertorio do Sisto da Chaparra, a marcha dos charrascos (do entroido tradicional de Lestedo) ou o pateado do repertorio dos gaiteiros de Camanzo. Tamén estiveron representando a música de Área de Compostela Arume, de Boiro, e Os Viqueiras, de Ordes.

Estas actuacións enmarcáronse na XXII edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, que estivo organizada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Participaron un total de 16 agrupacións de música tradicional galega chegados dende distintos puntos da comunidade, e con distintas formacións (grupos de gaitas, requinteiros, murgas, etc... ). Entre todos encheron de música o casco vello da cidade o día máis destacado do festexo.

As formacións fixeron pasarrúas polas distintas prazas de Lugo, co obxectivo de que todos os que se achegasen fosen recibidos pola música tradicional galega. Iso si: foi unha edición distinta a todas as coñecidas, dado que tivo que adaptarse ás medidas anticovid.

O resto de grupos que animaron a xornada máis relevante do San Froilán (ademais dos tres de Área) foron Abóbriga (Baiona), Ansuíña (Vilanova de Arousa), Axeigo (Lugo), Buxainas (Cedeira), Carapaus (Santiago de Compostela), Donas e Galáns (Ferrol), Os Barrios (Chantada), Illa Pancha (Ribadeo), Donaire (A Coruña), Os Terribles de Donas (Gondomar) e Turoqva de Pontevedra. Todos eles saíron pola mañá facendo un pasarrúas polas distintas estradas do centro urbán amurallado, ata as 14.00 horas. Pola tarde, repetíronse as actuacións.

“Esta mostra, na que a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s xunta ano tras ano aos mellores grupos de música tradicional de Galicia, ten como finalidade a exaltación da nosa música, servindo como medio de difusión para que chegue ao maior número de xente posible”, sinalaron os membros da citada entidade.

A pesar das dificultades que a pandemia está a causar para desfrutar dos actos sociais, as nosas agrupacións non deixan de lado a música. A Requinta de Xián estivo tamén a finais de agosto clausurando a mostra fotográfica Requintas activas en Casa Castro, Sergude. O grupo Herdeiros dos Barreiros interpretou varias pezas para animar a presentación. Que a cultura non pare.

15 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.