Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Rula atopa unha estela romana e lauda medieval na igrexa brionesa de Cornanda

Membros da asociación cultural Colectivo A Rula veñen de divulgar o achádego dunha estela romana e unha lauda medieval na igrexa de Santa María de Cornanda, en Brión.

Segundo os membros do colectivo, na parroquia de Luaña, no occidente do municipio, consérvase a maior concentración de cruceiros, espallados nos antigos camiños e nas encrucilladas dos diferentes lugares que engloban esta histórica parroquia. Son cruces sinxelas, mais tamén cruceiros de varal e de capela. Por iso, realizaron un percorrido polos seus principais referentes artísticos para enseguida recalar no citado templo, datado no século XVII. É de planta rectangular coa sancristía acaroada ó muro sur e unha sinxela portada barroca que remata nunha espadana de dobre campá.

No seu interior salientan os retablos do presbiterio, obras do século XVIII e inicios do XVIII, cunha boa talla da Inmaculada Concepción que algúns historiadores atribúen a Gregorio Fernández e datan no último terzo do século XVIII. Os veciños que se achegaron onda os representantes ds rula tamén lles falaron “do roubo da peza máis destacable e antiga do templo, unha virxe gótica que presidía o retablo e que foi roubada nos anos setenta do pasado século”. Pero a sorpresa chegaba ao inspeccionar o adro e o exterior da igrexa, onde foron localizados dous interesantes elementos procedentes de épocas pretéritas que nalgún momento foron reaproveitados. Así, en fronte á entrada principal do templo chamoulles a atención un improvisado banco feito polos fregueses.

Pois ben, na súa parte inferior atoparon detalles da dobre estola que decoraban esta antiga lauda sepulcral. É unha peza monolítica que mide 240 cm de longo por 58 cm de ancho.Trátase dun novo exemplo destes elementos propios da antiga Gallaecia de época altomedieval, prerrománicas, coñecidas como de “estola” ou “dobre estola”, así nomeadas xa no s. XVIII por Frei Martín Sarmiento que asociou esta característica moldura coas prendas litúrxicas dos eclesiásticos.

Pero aínda foi máis sorprendente atopar unha estela como aparello construtivo no exterior da ábsida do templo. Está a rentes do chan, en horizontal no centro da base da ábsida, e aínda que parcialmente soterrada conserva boa parte do seu tamaño orixinal. Ten un bo porte, duns 108 cm de longo e 31 cm de ancho. Unha peza moi sinxela cun rexistro epigráfico na que figuran as iniciais IOM nunha primeira liña, e P F ? nunha segunda. É dicir, o epíteto de “Iovi Optimo Máximo”, Xupiter o mellor ou o máis grande. O culto á principal deidade do panteón romano (o pai dos deuses) está ben testemuñado noutras inscricións epigráficas romanas localizadas en diferentes puntos da xeografía galega, moitas delas datadas no século II d.C.

03 jun 2021 / 13:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.