Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A semifinal do Canta con Ames será o 6 de agosto e a última proba está prevista para o 27 dese mes

AMES. Coa chegada dos meses de calor o municipio de Ames énchese de festexos e actividades. Unha das propostas máis exitosas é o Canta con Ames, que un ano máis se está a desenvolver no municipio como un evento destinado a todo tipo de públicos. E é que hai categorías para todas as idades: infantil, xuvenil, sénior e súper sénior. Tralas fases de preselección, que xa se celebraron, a semifinal está prevista para o 6 de agosto. Terá lugar ás 18.30 horas na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e a ela poderán acceder as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total. Nesta ocasión os participantes interpretarán unha canción (ou segmento) en idioma galego, castelán ou inglés coa duración que determine xurado. Este escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría para pasar á final.

A gran final realizarase o 27 de agosto, ás 18.30 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Nesta última proba as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas; de ser así, deberán chegar a un acordo para non interpretar o mesmo. Ademais dos premios recollidos nas bases da segunda edición do concurso Canta con Ames, os gañadores e gañadoras do certame poderán actuar como abreconcerto da orquestra Panorama, que estará o domingo 18 de setembro no Milladoiro.

O Canta con Ames é un concurso organizado pola Concellaría de Promoción Económica en colaboración coas asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Logo do éxito da pasada edición, o 6 de maio púxose en marcha a segunda edición deste certame, que este ano rebaixou a idade da categoría súper sénior para fomentar a participación na mesma. C.E.

10 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.