Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Acondicionan en Boqueixón o polideportivo de Lestedo e a contorna do Campo do Río

Ambos traballos diríxense a mellorar uns espazos de interese para visitantes e peregrinos e teñen un custo de 60.000 euros

O Concello de Boqueixón ten en marcha dúas actuacións para mellorar os espazos públicos municipais. Ambas as dúas obras supoñen un investimento de máis de 60.000 euros e contan con subvencións da Axencia de Turismo de Galicia para a súa execución. Segundo explican fontes municipais ambos traballos teñen como obxectivo a posta en valor duns espazos que son lugares de interese para visitantes e peregrinos.

A primeira das actuacións comprende o adecentamento e rehabilitación da contorna do Campo do Río de Ponte Ledesma. “Este proxecto prevé unha mellora desta zona, prestando especial atención á integración na paisaxe e poñendo en valor un enclave de gran interese turístico e que atrae cada vez máis visitantes”, explica o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. A recuperación da contorna do Campo do Río consistirá en paliar os problemas derivados das enchentes do Ulla e que obrigaron a levar a cabo diversas reformas.

Así, procederase ao nivelado do terreo para despois proceder á extensión de vinte centímetros de terra vexetal con sementeira que fomente o crecemento de especies vexetais autóctonas. Así mesmo, a actuación tamén inclúe a demolición e posterior reposición dos pasais de formigón para o acceso ás Illas de Gres. “Na actualidade, atópanse bastante deteriorados e, polo desgaste, tamén se viu rebaixada a súa altura, polo que, con esta obra, se restaurará a súa orixinal favorecendo a accesibilidade ás ínsuas”, concreta o rexedor boqueixanés. Finalmente, crearase un novo acceso ao Campo do Río, que dará continuidade ao existente nunha das marxes da ponte. Discorrerá por baixo dun dos arcos e habilitarase en adoquín para lograr a integración na paisaxe.

O outro dos traballos que se está a desenvolver é un proxecto de acondicionamento da contorna do pavillón municipal de Lestedo. Neste caso, en palabras de Fernández Munín, “o obxectivo desta obra pasa pola creación dunha zona de parada integrada na paisaxe, pensando especialmente que este é un lugar de paso dos peregrinos que percorren a Vía da Prata”. Para iso, crearase un muro de cachotería con pedra tradicional na pista exterior e na contorna dos antigos vestiarios cun espazo pensado para que poida ser unha área de parada para peregrinos. Unha zona que se complementará cunha nova senda que fará as veces de pequeno desvío con respecto ao trazado da Vía da Prata ao seu paso polo pavillón de Lestedo. Nela habilitarase un espazo de descanso con árbores, de xeito que o exterior do polideportivo quede integrado na súa contorna natural.

CONCILIACIÓN. O Concello de Boqueixón informa asemade que vén de poñer en marcha o programa de conciliación ‘Tardes Educativas e de Lecer’. As sesións desenvólvense nas instalacións do CPIP Antonio Orza Couto baixo todas as medidas de seguridade e prevención contra o covid. Preto dunha decena de nenas e nenos en idade escolar participan nas actividades. Dadas as novas restricións divídense en grupos máximos de cinco persoas (coa monitora) coa finalidade de garantir a seguridade da cativada.

Este servizo ofrece, por unha banda, o acompañamento escolar en todas as materias impartidas segundo os niveis e, por outra, actividades de lecer de diverso tipo.

O principal obxectivo é, segundo explican dende a propia organización, “potenciar a autonomía e a creatividade das crianzas, sen esquecerse de facelo dende a educación emocional e de valores”. Todos os pais e nais interesados neste servizo deben contactar no enderezo cultura@boqueixon.com ou ben no teléfono 981 513115.

01 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.