Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Actividades de Semana Santa para entreter e conciliar

Boqueixón, O Pino e Frades fan un parón os festivos para volver o luns con propostas

A chegada da Semana Santa sempre supón un quebradeiro de cabeza para os pais e nais que traballan. E este ano, por mor da pandemia, a situación aínda se fai máis complicada, posto que as posibilidades de que os nenos e nenas fagan actividades para manterse entretidos, redúcense. Por sorte, gran parte dos concellos elaboraron un programa de conciliación para estas vacacións, sempre seguindo todas as medidas de seguridade e con aforo reducido.

É o caso de Boqueixón, onde o goberno local está a pór en marcha a Semana Activa. Un total de 16 escolares de Educación Infantil e Primaria participan dende o pasado luns nas distintas propostas de lecer que, aínda que hoxe paran, retomaranse o vindeiro luns 5 de abril nas instalacións municipais de O Forte en horario de mañá.

Coa fin de cumprir con todas as medidas de seguridade, o total de participantes divídense en catro grupos de catro nenos e nenas. Cada un deles conta cunha persoa encargada de dirixir as diferentes actividades. Entre as propostas atópanse diversos obradoiros coa temática da Pascua, e estanse a primar os xogos ao aire libre.

Tamén Frades puxo en marcha dende luns ata mércores, e aínda queda o vindeiro luns día 5, uns campamentos para a cativada. Estanse a desenvolver en horario de 09.30 a 13.30 horas no pavillón municipal de Ponte Carreira. “Antes da COVID facíase no multiusos, pero agora desprazouse ao polideportivo porque teñen máis espazo e, como está conectado co colexio, poden empregar os patios e facer grupos pequenos e separados”, explican fontes municipais. Son un total de 30 pequenos e pequenas os inscritos, e están separados en tres grupos de idade.

O Pino tamén rematará o 5 de abril, tras un parón polos festivos, a iniciativa Semana Santa no Camiño, que está a ter lugar nas instalacións do pavillón municipal, ubicado ao carón do CPI Camiño de Santiago, e no que participan un total de 23 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Entres as distintas propostas coas que se divertiu a cativada, divididos por grupos de idade, destacan algunhas como pintar carteis para os cubos da reciclaxe (os máis maiores) ou xogar ao tres en raia con cartóns reciclados e tapóns de botella (os pequenos). Trátase de actividades que, ademais de mantelos entretidos, logran conciencialos sobre o coidado medioambiental.

A través destas interesantes propostas os gobernos locais consiguen aliviar un pouco a carga ás familias, á vez que logran que a cativada, dentro do seguro, poida socializar un pouco e saír da casa.

01 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.