Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Actividades formativas que á vez acondicionan o rural

O alumnado do Obradoiro de Emprego Boqueixón, O Pino, Touro e Vedra están a levar a cabo labores de desbroce e poda

O pasado 28 de decembro de 2020 arrancaba o Obradoiro de Emprego Boqueixón, O Pino, Touro e Vedra. Unha actividade formativa financiada pola Xunta de Galicia, en colaboración cos Concellos das vilas participantes, e que por primeira vez se organiza de forma conxunta entre as localidades ante citadas.

Son un total de vinte os alumnos e alumnas que o conforman (cinco de cada municipio) e deles, dez están a formarse na especialidade de Repoboación forestal e tratamento silvícola (impartida por Ana Franqueira) e os restantes en Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, cuxa profesora é Patricia Caamaño.

“Todos os alumnos cumpren as medidas anti COVID e no caso das clases de Informática e Sistema empresarial, dividímolos en grupos de cinco”, explica a este xornal a directora do obradoiro, Fátima Gómez. A actividade formativa conta cunha parte teórica, cuxas clases se imparten na casa da cultura de Boqueixón, e con outra práctica. “De momento estamos a facer traballos de desbroce, poda e acondicionamento de rutas. Logo, cara o verán, abordaremos labores de plantación en espazos forestais”, indica Fátima.

No caso de Vedra, “de momento o alumnado aínda non fixo ningunha actuación; pero si nos outros tres municipios. Así, no Pino, puxéronse en marcha traballos de desbroce e poda en parques públicos”, conta. No caso de Touro desenvolveron actuacións de acondicionamento e mantemento do espazo natural de Brandelos, unha área recreativa ubicada na parroquia de Prevediños. E en Boqueixón centraron os seus esforzos no adecentamento do sendeiro que leva á emblemática fervenza do río Pontillón. “Con estes traballos, contribúese a mellorar a accesibilidade a un enclave natural de referencia dentro de Boqueixón, favorecendo, deste xeito, a afluencia de visitantes”, explica o alcalde, Manuel Fernández Munín.

O rexedor tamén salientou as melloras na contorna da escola unitaria, no campo da festa da parroquia de Codeso e tamén na área recreativa de Orto. Os labores consistiron principalmente na poda e roza destos espazos. Nos vindeiros meses farán traballos de poda e melloras na vexetación do Pico Sacro e desbroces en varios camiños.

11 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.