Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Alén loita e acariña’, un conto que busca educar na igualdade

A autora é a psicóloga do CIM de Boqueixón, Yolanda Neira // Distribuirano nos colexios

Aproxímase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e aínda que a crise sanitaria está a limitar moito todo tipo de actividades sociais, sempre hai formas alternativas de sacar adiante os proxectos. Iso é o que fixeron dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón. Segundo a psicóloga da entidade, Yolanda Neira, decidiron investir as axudas da Secretaría Xeral de Igualdade, de Vicepresidencia da Xunta e do Ministerio da Presidencia en editar un conto.

“É un proxecto que eu tiña escrito dende o ano 2018 pero que non pensaba editar; non obstante, a pandemia fixo imposible pór en marcha os obradoiros e talleres previstos, así que viu a luz”, relata Yolanda Neira ó respecto.

En parte debido ás circunstancias, Alén loita e acariña converterase este ano na iniciativa máis potente do CIM para concienciar aos pequenos na igualdade e na necesidade de erradicar a violencia de xénero. O conto presentarase o vindeiro día 25 na biblioteca municipal, nun acto ao que convidaron ós directores e directoras dos colexios da comarca (o CPI Antonio Orza Couto e o CRA Boqueixón-Vedra). “De paso, a presentación serve para amosar os cambios recentes que se fixeron na biblioteca”, relata tamén a psicóloga.

Ese mesmo día entregaranse os exemplares aos centros escolares da vila para que os repartan entre o alumnado de Infantil e Primaria. “A idea é que cada neno teña un para levar á casa e que serva como ferramenta para traballar o tema en familia”, indica.

Tamén van habilitar un formulario web para que poidan adquirilo as familias que viven en Boqueixón, pero cuxos fillos non están escolarizados na vila, ou os docentes interesados no material.

“Os exemplares repártense no Antonio Orza Couto e nas seis escolas que integran o CRA, pero, por exemplo, somos conscientes de que os nenos que viven en Lestedo van ao colexio en Vedra, porque lles queda máis cerca”, explica. Desta forma, todos os pequenos do municipio desfrutarán dunha historia que ata o momento Yolanda Neira só empregaba para os contacontos que imparte nas escolas boqueixanesas.

Alén loita e acariña é un libro que, en verbas da súa creadora, “explica aos nenos o significado do lema do CIM: As mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular”. O conto relata a historia dun neno que todo o rato ten síntomas semellantes aos da gripe, pero que ó final descobre que se sente así cada vez que presencia violencia na escola e na casa da súa mellor amiga.

“Deste xeito abordo o tema da violencia de xénero e tamén do bullying”, aclara a psicóloga. O libro, editado polo Concello, está repleto de ilustracións, que son obra de Blanca Millán. “Ambas somos de Boqueixón, polo que o proxecto é unha mostra do talento local e das mulleres”, di.

Ademais desta iniciativa, dende o CIM están a distribuír cartelería por correo postal aos distintos establecementos do concello. O obxectivo desta acción, segundo explica, é dirixirse sobre todo á muller rural, polo que os carteis informativos estarán colgados en farmacias ou supermercados para que sexan máis accesibles a todas.

Hai que lembrar asemade que a pasada fin de semana o CIM organizarou na casa da cultura de Camporrapado o acto central polo 25-N: a II Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller.

TRABALLO. Como psicóloga do CIM, Yolanda Neira exerce por unha banda como asesora psicolóxica de mulleres vítimas de violencia de xénero ou en calquera outra situación de vulnerabilidade. Por outra, adícase a facer labor preventivo entre os máis novos. “Cos nenos de Infantil organizo contacontos para traballar a igualdade e a violencia machista, e cos adolescentes céntrome nos sinais para recoñecer as relacións tóxicas”, concreta. Os talleres organízanse nos centros educativos ao longo do ano.

19 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.