Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Amabul coida do río Ulla con cursos de carácter ambiental

A Asociación organizou en Vedra un taller de interpretación do medio e o patrimonio // As aulas foron impartidas por Jorge Morales

A asociación medioambiental Amabul vén de organizar na nave da estación de Santa Cruz de Ribadulla un curso de interpretación ambiental e do patrimonio. Unha iniciativa financiada pola Deputación da Coruña e que contou coa colaboración do Concello vedrés, na que os participantes coñeceron os novos enfoques e actualizacións da interpretación como estratexia de comunicación do patrimonio natural e cultural en contornos non formais.

A actividade contou cun total de 30 participantes, e quedaron sen sitio 68 persoas polo límite de aforo, segundo o presidente da entidade, Rubén Villasenín. Todas as clases foron impartidas polo especialista en interpretación do patrimonio Jorge Morales Miranda, profesional recoñecido internacionalmente.

Rubén Villasenín destacou que o obxectivo que buscaron con esta iniciativa foi que os participantes “puidesen contribuír a mellorar o sistema fluvial Ulla-Deza”, dixo. De feito, axudaron a facer “un pouco máis interpretativa unha cartelería que temos instalada na zona de Ximondo”, resaltou o presidente de Amabul. Ante o éxito do curso, e dado que as restricións na asistencia motivadas pola pandemia fixeron que quedaran fóra case setenta persoas, están barallando a opción de organizar na primavera outro curso, pero desta vez de carácter práctico, tal e como revela Rubén Villasenín.

Esta actividade chegou ao seu fin, pero Amabul segue a pór en marcha moitas máis. Este sábado, día 17, está prevista a primeira xornada do Cogomelar. Trátase dunha proposta micolóxica, que terá lugar na nave da estación de Santa Cruz de Ribadulla, e que impartirá Chemi Traba.

Os participantes coñecerán os hábitats, cores e formas dos cogomelos silvestres para aprender a recoñecelos. Haberá dúas sesións máis os días 24 e 31 de outubro e o 7 de novembro. Os interesados teñen que inscribirse no Facebook. Tamén o 18 hai unha xornada de control da flora exótica invasora no río Ulla. Hai que anotarse en asoc.amabul@gmail.com.

16 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.