Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Todos os centros escolares da conca do Ulla poden solicitar a unidade didáctica // Desglosa a través de catro bloques as mellores formas de actuar ante este situación // Están a traballar noutra que aborda a riqueza micolóxica da zona TEXTO A. Prada

Amabul edita un libro sobre a problemática da flora invasora

Con ánimo de concienciar acerca da problemática das plantas exóticas invasoras (PEI) nos ecosistemas fluviais galegos, a asociación medioambiental Amabul, de Vedra, vén de sacar á luz un libro a modo de unidade didáctica para o profesorado de Secundaria e Bacharelato

dos municipios da conca do río Ulla e “para outras/os profesionais da educación, colectivos asociativos e público xeral, que queiran realizar un achegamento didáctico-activo a este asunto”, sinala neste traballo o seu autor, o presidente da entidade, Rubén Villasenín. Segundo explicou, a finalidade coa que se editou esta obra foi a de repartila durante uns obradoiros “que tiveron que suspenderse pola COVID pero que queremos retomar este ano”.

Todos os centros educativos interesados “poden solicitar esta unidade didáctica e os cursos”, adianta. Asemade, calquera persoa que desexe facerse cun exemplar deberá poñerse en contacto con Amabul (asoc.amabul@gmail.com) e tamén están dispoñibles para préstamo no Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga do CEIDA.

Baixo o título de A flora exótica invasora no curso medio dos ríos galegos (O sistema fluvial Ulla-Deza) vanse desglosando ao longo de catro grandes bloques temáticos as mellores formas de actuación ante un problema como o da flora invasora. Deste xeito, Amabul explica que son, se supoñen unha ameaza, cales son as do ecosistema fluvial do Ulla e como se pode actuar. “Finalmente, esta proposta didáctica complétase cunha unidade de acción ambiental (UAA) que procura que o/a lector/a teña unha sinxela guía de acción para pór en marcha actividades ou proxectos de educacción ambiental”, explica Villasenín no traballo.

O libro está redactado de xeito moi sinxelo e cargado de ilustracións e esquemas que tratan de facer máis doada e amena a súa lectura e compresión ao estudantado.

Contén asemade exercicios de memoria e comprensión que serán moi útiles para que os profesores avalíen o coñecemento dos alumnos. Incluso se ofrecen propostas como a de crear un cómic que explique de xeito divertido como se introducen e propagan as PEI.

A unidade didáctica logra, en definitiva, darlle ao lector un coñecemento profundo desta problemática e dos motivos polos que as plantas invasoras supoñen unha ameaza. En concreto, sinálase que provocan desequilibrios na dinámica e estrutura dos ecosistemas, e poden ser vectores de pragas e enfermidades para plantas nativas silvestres ou cultivadas.

Asemade, como mecanismos de defensa fronte aos herbívoros, son tóxicas, podendo causar danos á gandaría, e invaden vías terrestres de comunicación (estradas, vías férreas, etc). A escala mundial, segundo recolle Amabul neste traballo, as PEI dan lugar á homoxeneización da biosfera.

Por certo que o autor da obra adianta que xa están a traballar noutra sobre a riqueza micolóxica dos bosques, na que explicarán os métodos para identificar os cogomelos.

“Esta é a primeira, pero imos continuar editando unidades didácticas ambientalistas sobre distintas temáticas”, apunta ao respecto.

VOLUNTARIADO. Hai que lembrar que Amabul leva feito moitas sesións de recollida de flora exótica invasora nas que participaron voluntarios. A última tivo lugar o pasado mes de outubro na área recreativa de Agronovo. Entre as persoas que se ofreceron a colaborar e o grupo de voluntariado sénior lograron eliminar máis de 330 quilos de tradescantia das ribeiras do río Ulla. As accións nesa liña non cesan.

areadecompostela@elcorreogallego.es

17 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.